Este xoves 28 de xullo, último do mes, toca pleno ordinario en San Sadurniño. Unha sesión que comezará ás 19:30h e que leva poucos asuntos na parte resolutiva da convocatoria. Concretamente tres: a aprobación da acta anterior, a mudanza da representación municipal no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a fixación dos festivos locais de 2023, que serán -de saír adiante a proposta- o Martes de Entroido e o luns 3 de xullo (Santa Isabel cadra en domingo). Malia a escasa densidade de temas para votación e unha máis que probable unanimidade en todos eles, cómpre ter en conta que ao ser ordinario o pleno incorpora na parte final quenda para rogos e preguntas, na que é habitual que se concentre boa parte do debate e da duración total da sesión.
Trala votación da acta do pleno do pasado mes de maio, a corporación municipal votará a proposta da alcaldía relativa ao nomeamento de Araceli Bellas Castro -Concelleira de Igualdade- como representante no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en substitución de Ana Belén Breixo Gundín, quen veu cumprindo esa función desde 2019 até o pasado mes de abril, ademais de ocupar a vicepresidencia da entidade.
O Fondo é unha asociación sen fins de lucro formada por 103 administracións locais de Galicia que desenvolve distintos programas de cooperación ao desenvolvemento en África, América e Asia, “como xeito de contribuír á erradicación das desigualdades Norte-Sur, baixo a perspectiva da xustiza social, a responsabilidade das sociedades do Norte e o cumprimento dos Dereitos Humanos universais”, tal e como se describe na súa web.
O outro asunto relevante da orde do día deste pleno é o dos festivos locais do ano que vén. A proposta é declarar como tales o Martes de Entroido (21 de febreiro) e o luns 3 de xullo, posto que o tradicional festivo de Santa Isabel (o día 2) cae en domingo.
A sesión, que é aberta ao público, comezará ás 19:30h e emitirase ao vivo a través de Facebook se non hai mala cousa coa técnica. O audio tamén estará dispoñible minutos despois do seu remate na plataforma ivoox. Ademais será a primeira asistida pola nova Secretaria-Interventora municipal, Olalla Álvarez de Neyra Martínez, quen tomou posesión da súa praza en San Sadurniño recentemente.