O primeiro torneo 3×3 do Basket Pobra Asambal disputarase a mediados de agosto nas pistas deportivas do Castelo, contando para tal ocasión coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e a cadea de supermercados GADIS, ademais da empresa CONGALSA como principal patrocinadora do equipo sénior.
Segundo manifestan a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e o presidente da referida entidade deportiva, Francisco Martís, con este evento impúlsase a práctica do baloncesto, o cal redunda nunha maior visibilidade desta disciplina para contribuír á súa consolidación na localidade. A edil remarcou o apoio da Administración local a este proxecto que agarda se erixa coma un axente dinamizador máis da vida deportiva do municipio.
A cita arrancará ás 10.00 horas do vindeiro 20 de agosto coa competición mini que abranguerá as categorías menores, con canastras acordes á súa idade. Tódolos equipos estarán nun único grupo e os dous mellores enfrontaranse nunha final.
Deseguido, será a quenda da competición superior coas modalidades júnior e sénior. Estableceranse varios grupos de tres ou catro equipos que xogarán unha primeira fase clasificatoria para, logo, verse as caras na eliminatoria que os levará á final. A primeira rolda irá en horario de 12.00 a 14.00 horas; mentres que a segunda será de 16.00 a 20.00 horas.
Os premios consistirán en trofeos para os gañadores de ámbolos dous formatos de competición, ademais do repartimento dun total de 300 euros na categoría de maiores de 16 anos: 200 euros para o primeiro clasificado e 100 euros para o segundo. Farase tamén entrega de camisetas conmemorativas entre tódalas persoas participantes.
A data límite para anotarse estipúlase no día 17, ás 20.00 horas, a través do enderezo electrónico asambalcab@yahoo.es. O importe de inscrición ascende aos 20 euros por equipo para a competición superior e resulta de balde para os participantes na mini.
O torneo estará aberto ao público que desexe achegarse e disporase dun posto informativo. En caso de mal tempo, trasladarase ao pavillón da Tomada.