Friday 22 de November de 2024

As Festas de Santa Marta contarán cun punto de información contra o acoso sexual e a LGTBIAQ+fobia


O Concello de Cabanas colabora con Euroeume en materia de prevención durante a fin de semana

O Concello de Cabanas instalará nas Festas de Santa Marta, que se celebran esta fin de semana, un punto informativo contra o acoso sexual e a LGTBIAQ+fobia, en colaboración coa asociación Euroeume.

O obxectivo deste espazo é concienciar, por unha banda, sobre as prácticas que constitúen acoso sexual contra as mulleres, e que inclúen os comportamentos verbais, non verbais e físicos non desexados de índole sexual, co propósito de atentar contra a dignidade dunha persoa.

Por outro lado, no punto arco da vella, informarase sobre a violencia exercida sobre a comunidade LGTBIQA+ que, segundo os informes do Ministerio do Interior, constitúe un dos motivos que máis delitos de odio provocan no noso país.

O punto informativo estará dispoñíbel durante os concertos nocturnos do venres e do sábado ao carón da carpa principal, e será atendido por persoal de Euroeume formado en igualdade.