Canda o secretario xeral da Emigración, foi tamén homenaxeado o empresario mexicano Carlos Slim, fortemente vinculado á diáspora galega
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o empresario Carlos Slim, foron homenaxeados pola Asociación Día de Galicia en Asturias coa imposición da insignia de ouro e o carné de socio de honra da entidade, nun acto que tivo lugar no Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo, xusto despois da tradicional misa na Catedral da capital asturiana.
A imposición ao secretario xeral débese, segundo a organización, ao seu traballo arreo por reforzar as ligazóns entre as comunidades asturiana e galega. Canto a Slim, empresario moi influente en México e unha das persoas con maior capital do mundo, está fortemente vinculado coa diáspora de ambas comunidades.
Na súa alocución aos presentes, Miranda agradeceu a recepción da insignia e carné, e fixo público o seu compromiso por “facerse merecedor, tamén no futuro” destas distincións. Salientou que o Camiño de Santiago do Norte, que discorre a escasos metros do lugar onde se celebrou o acto, “xerou ao longo dos séculos sinerxias fundamentais sen as que non podemos entender o desenvolvemento de Asturias nin de Galicia, e que contribuíron a un eficaz entendemento entre os nosos pobos. Ese entendemento, agora reforzado con vías e medios de transporte e comunicación moito máis eficaces, instantáneos ás veces, refórzase ano tras ano grazas á decidida vontade das respectivas poboacións por profundar neste vínculo de irmandade”.
O secretario xeral da Emigración tamén recordou que Galicia conta cos seus fillos na diáspora, residan lonxe ou preto: “Teño destacado en máis dunha ocasión que os galegos de segunda e terceira xeración, xa nados nas sociedades de acollida do resto de España, de Europa, de América, ou do mundo enteiro, serán punta de lanza da proxección económica exterior de Galicia”.
XX aniversario
As actividades deste Día de Galicia, que chega á súa vixésima edición, comezaron coa inauguración, a mediados de semana, dunha exposición de cerámica e traxes rexionais da Deputación Provincial de Lugo no Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo. Xa o venres, tivo lugar o habitual encontro empresarial entre empresas galegas e asturianas na Cámara de Comercio de Oviedo, no que participaron, entre outros, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico e o Instituto Galego de Promoción Económica, ademais da propia Cámara de Comercio de Oviedo.
O programa deste inclúe tamén as Xornadas Gastronómicas de Galicia, ata o 15 de setembro na rúa ovetense Picasso de Oviedo, así como unha gran queimada que ten lugar o sábado á noite, e tamén unha conferencia sobre “Os Camiños do Norte e Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade”, impartida polo xefe da Área do Plan Xacobeo Francisco Singul.
Galegos en Asturias
A ‘Asociación Día de Galicia en Asturias’, que preside Manuel Fernández Quevedo, salienta tódolos anos cunha actividade de relevante presenza social en Oviedo as ligazóns entre as comunidades asturiana e galega. A entidade naceu como un punto de encontro dos centenares de galegas e galegos residentes na capital asturiana, co obxectivo de homenaxear a aquelas entidades ou persoas que traballan por un mellor entendemento mutuo.
Segundo os últimos datos do INE, arestora residen no Principado de Asturias en torno a 24.000 galegas e galegos, se ben é probable que algúns dos e das que desenvolven a súa vida cotiá na comunidade veciña –especialmente no Occidente- non estean contabilizados nesta estatística, por mor da proximidade xeográfica.