Saturday 16 de November de 2024

Xunta e ALN celebran o éxito da Liga Galega de Traiñeiras no seu ecuador e buscan fórmulas para fomentar o deporte entre os máis novos


_Os representantes da ALN destacaron as melloras acadadas pola LGT nesta nova edición salientando a uniformidade das infraestruturas nos campos de regata ou a participación da Televisión de Galicia coa emisión de oito regatas ao longo da tempada

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha xuntanza de traballo na mañá de hoxe cunha representación da Asociación Liga Noroeste (ALN) encabezada polo presidente, Javier Rodríguez, para tratar a actualidade da Liga Galega de Traiñeiras que ao paso polo seu ecuador (18 regatas realizadas de 34) está a ser “un éxito de organización e deportivo” tanto na Liga A, como na Liga B e a feminina, que este ano conta con récord de equipos participantes.

Ademais, os representantes da ALN destacaron as melloras acadadas pola LGT nesta nova edición salientando a uniformidade das infraestruturas nos campos de regata (lonas, carpas, banderolas, aparcamento ou megafonía) ou a participación da Televisión de Galicia coa emisión de oito regatas ao longo da tempada.

O secretario xeral para o Deporte tamén avaliou coa ALN posibles plans ou estratexias para fomentar, en colaboración coa Federación Galega de Remo, o deporte do remo entre os máis novos e facilitar o paso de xuvenil a sénior no caso das traiñeiras.

Do mesmo xeito o mandatario galego e os responsables da ALN abordaron o papel dos dous representantes galegos na Liga Euskolabel -Ares e Cabo de Cruz-, así como a posibilidade de que para o ano compitan na Liga Euskotren dúas embarcacións galegas femininas.

A o abeiro desta nova edición da LGT 2022, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, concédelle á Asociación Liga Noroeste (ALN) un total de 115.000 euros con motivo da organización da Liga Galega de Traiñeiras masculina e feminina, o que supón un incremento de preto dun 5% con respecto ao exercicio anterior.