O Concello busca fomentar a creación de murais na cidade desde unha óptica artística e responsable, comezando por esta peza situada nas Lagoas
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, busca fomentar a creación de murais artísticos en diferentes rúas da cidade para contribuír á difusión da arte urbana e ao embelecemento da urbe. Con ese fin, hoxe o artista Diego As comezou a elaboración dunha peza de arte urbano nas Lagoas, que terá unhas dimensións aproximadas de 5 metros de altura na parte máis alta e 75 centímetros na máis baixa e unha lonxitude de largo de 70 metros.
Diego As é un dos artistas máis relevantes do seu xénero e o autor do nomeado mellor mural do mundo do ano 2021, o Xulio César que realizou na cidade de Lugo. Durante os próximos días estará na Coruña creando esta nova peza, que estará situada nun lugar cunha ampla afluencia de persoas, o que dará máis visibilidade a esta campaña promovida pola concellaría de Medio Ambiente.
O Goberno de Inés Rey procura deste xeito fomentar un uso artístico, embelecedor e
responsable dos muros da cidade e convida a máis artistas a unirse a esta campaña. “Queremos aproveitar a visita de Diego As para conformar o que queremos que sexa o compromiso pola arte urbana dos graffiteiros e as graffiteiras coruñesas”, sinalou a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán.
Con esta premisa, o Goberno local buscará dotar de espazos, proxectos singulares e ferramentas a estas persoas para que colaboren neste plan que busca “converter A Coruña e as súas rúas nun museo ao aire libre”. A elaboración deste primeiro mural obra de Diego
As prolongarase durante esta semana e a temática da pintura xirará en torno ao mar e a súa mitoloxía. Será necesario o corte dun carril de circulación no Paseo Marítimo á altura das Lagoas.