O Concello de Oleiros oferta rutas guiadas e gratuítas polo Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes ata o 15 de setembro. Serán os xoves e os sábados ás 10:30 horas. As persoas interesadas en participar deberán reservar a súa praza chamando ao teléfono 981 618 154.
Aquelas persoas que o desexen poderán desfrutar dos diferentes tramos do Monumento Natural acompañadas dunha guía que lles ensinará os valores culturais, naturais e etnográficos deste fermoso tramo da costa.
A Aula do Mar, situada na antiga casa do fareiro de Mera, serve de punto de atención turística para os numerosos visitantes que se achegan ata ese emblemático lugar. O horario de atención ao público do centro é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas de luns a domingos.