Apunta que que Galicia ten unha decisiva compoñente solidaria, que é o gran nexo que vencella os seus cidadáns
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou o papel de Cogami nos seus 25 anos de historia, reclamando un lugar e dando visibilidade ás persoas discapacitadas.
O presidente do Goberno galego puxo en valor o labor da rede Cogami, froito da unión de pequenas asociacións de axuda aos discapacitados, e o papel que xogou en Galicia, reclamando un lugar para estas persoas.
Neste senso, Feijóo estableceu un paralelismo entre a iniciativa do mundo da discapacidade para erguerse e botar a andar como forza social significativa e o proceso de desenvolvemento que experimentou Galicia nos últimos tempos, loitando contra os condicionantes históricos, económicos e xeográficos ao esmorecemento e a decadencia.
Con respecto a isto, o titular da Xunta destacou a presenza da solidariedade como o gran nexo que vencella aos galegos entre si e fixo fincapé en que Galicia ten amosado arreo que a solidariedade, a empatía social, está na súa xenética.
Segundo Feijóo, canto máis solidarios son os galegos, máis fortes se fan como pobo. Neste senso, asegurou sentirse orgulloso de que, agora que está tan en boga a discusión nominal sobre as identidades, Galicia teña unha decisiva compoñente solidaria, algo ao que contribuíu Cogami desde o seu nacemento en 1990.
Como sinalou, Cogami fixo visible unha parte dos galegos chea de valores e, sobre todo, de algo que se transmite nos seus centros: a ledicia. “Se a cara é o espello da alma, hai en vós almas xenerosas capaces de transmitir felicidade”, afirmou o mandatario galego.
Así mesmo, Feijóo lembrou que nestes vintecinco anos, Cogami converteuse nunha das forzas sociais máis potentes de Galicia e, grazas a esta confederación, teñen voz os que durante moito tempo estiveron calados e son visibles os que se mantiñan na clandestinidade. Tal e como engadiu, os que conforman Cogami son portadores desa idea tan necesaria que é a fe nas persoas.
A Xunta camiña da man de Cogami
Por outra banda, o presidente da Xunta lembrou que o Goberno galego camiñou a carón de Cogami estes anos con actuacións como sacar adiante a Lei de Accesibilidade de Galicia, a atención temperá para nenos de 0 a 6 anos, e tamén puxo en valor os esforzos na coordinación de administración, as iniciativas en materia de emprego, tanto en formación, como en centros especiais, como na inserción en empresas ordinarias.