Con estas sesións complétase a recollida da historia das sete parroquias de Cabanas
A área de igualdade do Concello de Cabanas organiza esta semana as xuntanzas previas para pór en marcha o último tramo de “Memoria dun século”, un proxecto de historia oral e saúde comunitaria con perspectiva feminista dirixido a persoas maiores, no que se fomenta que as persoas participantes exerciten e reelaboren as súas memorias persoais ao tempo que traballan e articulan o relato colectivo de lugar.
Nesta ocasión, será a veciñanza das parroquias de Cabanas, Laraxe e Salto as que compartan os seus coñecementos das súas vivencias e saberes, logo de que en edicións anteriores se tiveran percorrido as parroquias de Soaserra, Regoela, Porto e Irís.
As primeiras xuntanzas desta edición terán lugar esta mesma semana, comezando pola parroquia de Cabanas este martes (Local Social das Viñas, 17.30h), Laraxe o mércores (SCDR Laraxe, 18 horas) e Salto o xoves (Local Social de Santa Cruz, 17.30h).
“Esta nova edición de Memoria dun Século, na que se traballarán as tres parroquias que faltaban do programa, completaremos o mapa da historia oral de Cabanas, escribindo o relato do noso concello durante os últimos cen anos”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González. “As mulleres xogan un papel fundamental na Galiza e na Cabanas do último século, e este programa é unha oportunidade de facer que perdure a historia viva das diferentes parroquias do noso concello”.
Tras a recollida de información e a análise dos documentos que acheguen as persoas participantes durante as diferentes sesións (fotografías, documentación, textos…), elaboraranse tres publicacións – unha por cada parroquia – para visibilizar as voces que adoitan pasar desapercibidas na historiografía oficial.
A actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade, xa que entre as finalidades deste espazo está a posta en valor das vidas e saberes das mulleres, principais participantes desta actividade, contribuíndo ao seu apoderamento e á visibilidade das súas achegas á historia de cada parroquia.