Inscrición aberta na actividade chamando ao teléfono 981 39 02 33
A programación de Miúdo Verán continúa esta semana no parque do Principiño co cine como protagonista. O Festivaliño On The Road fará parada este xoves en Neda para convidar aos máis pequenos e pequenas da casa a pases de 20 minutos que incluirán a proxección de diferentes pezas audiovisuais.
Entre elas, “I Wish”, “Historia de un oso”, “Pulpos namorados”, “Paxariños” e “Piper”. Ademais, e entre pase e pase, poderán desfrutar da actuación musical de Dani & Kids ou do espectáculo teatral “Conversas con Tana”, baseado na ventriloquía. As sesións comezarán ás 20 h, e a participación é gratuíta, pero con inscrición previa chamando ao teléfono 981 39 02 33 (de 9 a 13 h).
O Festivaliño On The Road propón achegar novos contidos audiovisuais a nenos e nenas de ata 12 anos, e facelo dunha maneira lúdica á par que didáctica. Esencia que comparten os espectáculos de música e teatro que complementan a proxección das curtas, nos que se prima a participación dos peques.
O programa, que impulsa o Concello, conta co patrocinio de Cultura no Camiño, do proxecto Ler Conta Moito e da Rede Cultural da Deputación.