As súas Maxestades os Reis, acompañados polas súas fillas, a Princesa de Asturias e a Infanta Dona Sofía, foron recibidos na sede do Concello polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, onde asinaron no libro da Cidade e saudaron aos alcaldes e alcaldesas do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. O presidente do Grupo e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, agradece “o apoio da Casa Real ao Grupo” e destaca “a solemnidade da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, Patrón de España, nun acto que transmite que as nosas cidades son lugares de encontro de cidadáns de todo o mundo”
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade participou hoxe na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, Patrón de España. Tras a misa, as Súas Maxestades os Reis e as Súas Altezas Reais, a Princesa de Asturias e a Infanta Dona Sofía abandonaron a Catedral en procesión e trasladáronse a pé ao Pazo de Raxoi (sede do Concello de Santiago de Compostela), onde foron recibidos polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e asinaron no libro de ouro da cidade. A continuación, mantiveron un breve encontro coa delegación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.
O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, sinalou que “para nós é unha honra participar na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago, Patrón de España, coincidindo co ano Santo”, antes de explicar que “tivemos ocasión de saudar aos Reyes e ás súas fillas e de agradecerlles o apoio constante ás 15 cidades Patrimonio da Humanidade, que son un símbolo internacional da Marca España, non só pola beleza espectacular dos monumentos que atesouran os nosos centros históricos, senón tamén porque as nosas cidades representan valores universais como o encontro, a concordia, a defensa da paz e o entendemento”.
García Carbayo engadiu que “somos cidades de cultura e coñecemento e cidades vangardistas que hoxe afrontan novos retos para mellorar a experiencia dos turistas que nos visitan. Os datos deste verán demostran que as Cidades Patrimonio están ao nivel de 2019 e mesmo superando a chegada de visitantes do mellor ano da historia”.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo manifestou “o orgullo que sinto pola determinación do noso pobo para superar todas as dificultades e pola vontade firme de todas as institucións e da cidadanía para seguir construíndo un futuro de encontro, paz e harmonía. Santiago de Compostela é a meta espiritual de cidadáns de todo o mundo e cada ano crece o legado de concordia que esta cidade transmite ao mundo”.
A praza do Obradoiro foi o escenario monumental das Honras Militares e a interpretación do Himno Nacional, tras o cal a Súa Maxestade o Rei pasou revista á formación de Honra. A continuación, a Familia Real accedeu á Catedral polo Pórtico da Gloria e foron escoltados por lanceros ata o presbiterio, onde ocuparon o seu lugar de honra e fixeron a Ofrenda. Á saída, observaron o salto de dous paracaidistas da Patrulla Acrobática de Paracaidismo do Exército do Aire, que portaban unha bandeira española e unha galega.
A Ofrenda ao Apóstolo é unha cerimonia instituida en 1643 por Felipe IV e ao longo dos anos mantívose a tradición de que Reyes, xefes de Estado ou personalidades coas máis altas responsabilidades invocasen ao Patrón das Españas os beneficios divinos para as tarefas humanas.
Tras o encontro cos Reyes na sede do Concello, os alcaldes e alcaldesas das Cidades Patrimonio da Humanidade poñen fin á axenda en Santiago de Compostela, que onte acolleu a celebración da Asemblea do Grupo, na que se aprobou a concesión do Premio Patrimonio a Helga de Alvear, que se entregará o próximo 11 de novembro de 2022 en Cáceres.