Saturday 16 de November de 2024

Feijóo valora o principio de acordo alcanzado no sector lácteo e anima os gandeiros galegos a “non desaproveitar esta oportunidade”


Destaca a importancia de que distribución e industria se amosen dispostas a asinar a proposta de xeito individual, é dicir, “industria e distribuidor por distribuidor”

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, valorou o principio de acordo alcanzado no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente entre representantes da produción, da industria e da distribución do sector lácteo, e animou a que se concrete nos próximos días para que os gandeiros galegos “non desaproveiten esta oportunidade”.

Tras reunirse en Santiago con representantes dos produtores lácteos por segunda vez nesta semana, o presidente galego recoñeceu a importancia de que esta sexa a primeira vez que distribuidores e industria estean dispostos a asinar un documento cos produtores, e que ademais esa sinatura se plantexe de xeito individual, é dicir, industria por industria e distribuidor por distribuidor. “Que non sexa só un documento de asociacións, senón que sexa un documento de personalidade xurídica concreta”, especificou.

Despois do estudo pormenorizado de cada unha das cláusulas contempladas no preacordo e despois de escoitar ás organizacións agrarias galegas e ás cooperativas, Feijóo considerou que “todo aquilo que legalmente se pode poñer nun documento está posto” e defendeu que nos próximos días se avance en calquera concreción na redacción que fose necesaria.

Contribucións ao documento
Nas súas declaracións, e despois de reiterar que a Xunta está e seguirá estando a carón dos produtores lácteos, Feijóo tamén recordou que o preacordo fixado onte contempla as demandas pedidas expresamente pola Xunta. En primeira instancia, apuntou cara a importancia de non utilizar o leite como produto reclamo, unha cuestión que vén recollida no primeiro parágrafo do documento.

“Conseguimos trasladar que a distribución se comprometa explicitamente e por escrito que non pode utilizar o leite como produto reclamo”, abondou. Tamén sinalou a relevancia de que o documento contemple a obriga de concretar a orixe do leite.

Por iso, para Feijóo isto supón “unha oportunidade que non podemos perder dado que os gandeiros galegos, que producen o 40% do leite en España, teñen o mellor documento de toda a serie histórica de documentos negociados entre a distribución, a industria e a produción”.

Compromiso do Goberno central
O titular do Executivo galego apuntou que durante a reunión puido falar coa ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina quen lle comunicou dous compromisos do Estado.

En primeiro lugar, dixo Feijóo, o Goberno central é consciente da situación que se viviu en Galicia nos últimos meses e “está comprometido a inxectar liquidez nas explotacións que peores circunstancias viviron nesta crise da baixada de prezos do leite en Europa”. En segundo lugar, o mandatario galego transmitiu a convicción do Goberno de España de que “con este documente poderemos recuperar o prezo do leite de forma rápida”.