A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu á Festa de degustación dos produtos da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, na que se degusta e mostra a calidade dos produtos do mar certificados coa marca de calidade pescadeRías, de onde se non? como o polbo, os percebes, os berberechos, as navallas e o mexillón. Deste xeito, difúndese o que supón este distintivo da Xunta de Galicia, que certifica que os peixes e mariscos foron capturados como máximo 24 horas antes da primeira venda e con artes de pesca moi selectivas, o que contribúe a impulsar a súa demanda.
De feito, o ano pasado os produtos do mar amparados por este selo aumentaron en 2021 case un 30% en relación co ano anterior, ata roldar as 14.400 toneladas, cifras semellantes ás rexistradas antes da pandemia. Esta cita, que ademais de hoxe tamén se celebrará o 6 de agosto, está organizada pola confraría de pescadores de Lira (Carnota) e conta coa colaboración da Consellería do Mar.