Friday 22 de November de 2024

A Xunta recibe 14 ofertas para executra a senda entre Proame e o Cancelo, que compeltará un itinerario peonil de máis de 7 quilómetros na AC-552 na Laracha


― Habilitarase unha senda de uso mixto, para peóns e ciclistas, pola marxe esquerda da vía, con 2,2 km de lonxitude e un ancho medio de 2,5 metros

― O obxectivo é iniciar no outono os traballos, que teñen un prazo de execución de 10 meses e estarán finalizados no verán de 2023

― Na zona de vivendas e negocios acondicionaranse aparcadoiros en liña, mellorarase a accesibilidade das paradas de autobús e disporase unha pasarela de preto de 16 metros coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe

― A nova senda reforzará a seguridade dos veciños e favorecerá os desprazamentos a pé, ao conectar as vivendas da zona de Proame cos principais servizos e equipamentos

― O novo itinerario dará continuidade aos xa rematados entre O Cancelo e A Laracha, de 2 km, e ao que une A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 M€

A Xunta recibiu un total de 14 ofertas para executar as obras da nova senda entre Proame e O Cancelo, no concello da Laracha, que permitirá completar un itinerario peonil continuo de máis de 7 quilómetros ao longo da estrada autonómica AC-552 ao seu paso por este municipio.

O novo itinerario suporá un investimento autonómico de preto de 1,5 millóns de euros e ten como principal obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños, conectando as vivendas da zona de Proame cos principais servizos e equipamentos do municipio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no outono para telas rematadas no verán de 2023, xa que contan cun prazo de execución de 10 meses.

Habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e ciclista, pola marxe esquerda e en paralelo á estrada autonómica AC-552, de 2,2 quilómetros de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros. En tres treitos concretos, onde hai vivendas nas marxes, a senda terá un ancho menor pero garantirase sempre un mínimo de 1,80 metros.

O itinerario executarase en formigón coloreado, cor terriza, para unha maior integración na contorna. Disporase, ademais, unha franxa verde de separación que oscilará entre os 1 e os 2 metros, en función do ancho dispoñible, e elevada sobre a beiravía.

Nas zonas de vivenda ou de negocios habilitaranse aparcadoiros en liña e tamén se mellorará a accesibilidade das paradas de autobús, dispoñendo máis espazo para os peóns e pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas propias paradas.

Coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe, executarase unha pasarela de preto de 16 metros de longo, con varanda metálica nun treito, para continuar o itinerario.

A intervención completarase con muros de cachotería para soster a senda en tres treitos; a disposición de rega para o mantemento da franxa axardinada; e a colocación de prismas de servizos, para a preinstalación de iluminación e telecomunicacións.

A actuación será financiada no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.

A senda entre Proame e O Cancelo dará continuidade aos itinerarios xa rematados en anos anteriores: entre O Cancelo e A Laracha, de 2 km, e entre A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 M€.

Estas actuacións enmárcanse na aposta que realiza a Xunta polo fomento dunha mobilidade máis saudable e sostible e para favorecer desprazamentos a pé máis cómodos e seguros; unha aposta que se ten traducido xa na execución de 200 quilómetros de sendas e nun investimento de 50 millóns de euros.