A peza ‘Os paseantes’ preside a vía, na que xa están practicamente concluídos os traballos de peonalización e reurbanización
A escultura ‘Os paseantes’, do artista coruñés José Castiñeiras, preside desde esta semana a rúa San Leopoldo. O Goberno municipal recuperou esta obra, que xa estivera instalada no barrio da Agra do Orzán con anterioridade, do mesmo modo que volveu colocar a peza aos Liberales, tamén de Castiñeiras, na praza das Conchiñas.
Con esta acción o Goberno de Inés Rey busca recuperar o patrimonio artístico da cidade e dotar ás rúas de elementos singulares que complementen as actuacións levadas a cabo desde a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. A obra, que permanecía almacenada en dependencias municipais, foi restaurada polo escultor Miguel ‘Mico’ Rabuñal para a súa volta á vía pública. Trátase dun conxunto escultórico formado por dúas figuras estilizadas, unha feminina e outra masculina, labradas en granito miraz a
tamaño natural sobre pedestal monolítico.
O Goberno municipal destaca a recuperación para a cidadanía de obras dun dos seus artistas máis icónicos. José Castiñeiras é o autor da estatua de María Pita que se atopa na praza que leva o seu nome. Tamén foi o encargado de deseñar e elaborar a estatua da
fonte dos Surfistas.
Peonalización de San Leopoldo
Coa instalación desta obra e a plantación das árbores, os traballos de peonalización da rúa
San Leopoldo están practicamente concluídos, a falta de pequenos detalles. A peonalización definitiva da rúa chega despois dunha experiencia piloto que comezou no Nadal do ano 2020, consensuada coa cidadanía e comerciantes do barrio para favorecer a mobilidade polo distrito.
As obras de reurbanización en San Leopoldo posibilitaron que a rúa pase a ser de plataforma única, coa colocación de arboredo repartido en zonas axardinadas que están localizadas na franxa central da rúa. Ademais, atendendo á solicitude da Asociación de Veciños da Agra, executaranse traballos de pintura no firme para que as pequenas e pequenos poidan dispoñer e gozar de xogos infantís de carácter educativo ao aire libre.
Ademais, habilitarase un novo acceso á praza do Comercio dende a rúa Gramela, para mellorar a mobilidade na zona.