Teresa Villaverde anima ás veciñas de Lousame a participar pois “son coñecementos básicos que lles facilitarán o acceso a un emprego”
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a directora da empresa Senescit, Paloma Seijo; e Mónica Castaño, técnica da Concellería de Igualdade, presentaron esta mañá “Xeración 20=22”, un programa de promoción da empregabilidade feminina que se vai desenvolver en Lousame no último semestre do ano. Un programa gratuíto dirixido a mulleres de Lousame, de 18 a 65 anos, “para que lles sexa máis fácil acceder ao mercado laboral”, explicou Villaverde Pais.
A alcaldesa felicitou tanto ás técnicas municipais como á empresa que se encargará de desenvolver “Xeración 20=22” polo seu traballo: “é un proxecto moi ben feito e agora temos que animar ás veciñas de Lousame para que non desaproveiten esta oportunidade única e se apunten. Será una formación eminentemente práctica, desde como preparar unha entrevista de traballo ou como acceder a ofertas de emprego, ata seminarios de apoio a mulleres emprendedoras para que aprendan marketing e comercio dixital”. Neste sentido, puxo en valor que “Xeración 20=22” foi un dos 10 proxectos a nivel nacional elixidos pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Igualdade, para a súa financiación.
Tres tipo de iniciativas
Paloma Seijo, quen coordinará o desenvolvemento do programa “Xeración 20=22”, explicou que a iniciativa abrangue tres tipos de accións principais:
1- “Xeración 20=22. Emprego”, que consiste nun conxunto de sesións formativas encamiñadas á procura de emprego, factor crave da independencia económica. Inclúe un módulo de motivación e orientación para a busca de emprego, ferramentas na web 2.0 para a busca de emprego, accións de networking e creación dunha marca persoal. O proxecto desenvolverase en 10 sesións, de 3 horas cada unha. Duración: 30 horas.
2- “Xeración 20=22. Dixital”, que consiste nun obradoiro de introdución á informática e ás novas tecnoloxías. Un taller de capacitación e empoderamento dixital dirixido a mulleres onde, ademais de superar a fenda dixital, busca reconectar ás mulleres co pracer de aprender. Este proxecto desenvolverase en 10 sesións, de 2 horas cada unha. Duración: 20 horas.
3- “Xeración 20-22. Autoemprego”, que consiste en seminarios de apoio e formación de mulleres emprendedoras co obxectivo de mellorar a súa idea de negocio e adaptala á situación actual. O proxecto terá lugar en 15 sesións, de 4 horas cada unha, nos que se desenvolverán obradoiros de e-commerce e marketing dixital. Duración: 60 horas.
Paloma Seijo sinalou que “os dous primeiros están dirixidos a mulleres que queren entrar ou volver a entrar no mercado laboral, mentres que o de autoemprego vai dirixido a mulleres que xa teñan un proxecto propio e busquen adaptalo á situación actual”. En todos os casos, “serán grupos moi reducidos, cunha formación moi práctica e personalizada dende o primeiro momento”.
Inicio en setembro
Finalmente, Mónica Castaño explicou que o período de inscrición abrirase hoxe mesmo no Concello de Lousame e estará aberto durante todo o mes de agosto. Durante este tempo, o Concello enviará cartas a mulleres do municipio susceptibles de participar na iniciativa, que dará comezo no mes de setembro. “Os horarios adaptarémolos coas persoas que conformen o grupo, buscando en todo momento facilitar a conciliación familiar”, adianta Mónica Castaño.
O Concello de Lousame agarda contar coa participación dunhas 30 mulleres ao longo das tres accións do programa “Xeración 20=22”, se ben cada grupo que se conforme estará integrado por un máximo de 10 mulleres, para garantir así unha formación personalizada e eminentemente práctica.