Thursday 21 de November de 2024

A alcaldesa abordou co delegado e a subdelegada do Goberno as liñas de acción estatal que se abrirán aos concellos e as axudas dirixidas ao sector empresarial para a transición


O Concello acolleu este mediodía unha xuntanza presidida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, á que asistiron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas e na que tamén estivo presente o voceiro do grupo municipal do PSOE de Narón, David Pita. A rexedora local agradeceu a celeridade da visita de Miñones á cidade, con quen se reuniu o pasado martes na propia delegación provincial, e tamén da subdelegada, que este mesmo mes estivo en Narón.

No transcurso da visita o delegado do Goberno en Galicia informou á rexedora local e o voceiro do PSOE sobre diferentes liñas de acción que se abrirán para os concellos dirixidas ao sector comercial, turístico, para a dixitalización, fibra óptica, depuración e estacións de bombeo, o incremento ao 2% do programa cultural. A maiores, tamén abordou outras liñas dirixidas a vivienda, para rehabilitación de edificios públicos, accesibilidade para mocidade e construción e habilitación de vivendas sociais, entre outras.

A alcaldesa tomou nota xunto co voceiro socialista da información trasladada e agradeceu a información recibida de primeira man. Ao mesmo tempo, reiterou a importancia de que as empresas da cidade poidan optar ás axudas que a través do convenio de Transición Xusta se destinarán á provincia da Coruña, que recibirá 111 millóns de euros. O delegado avanzou que as bases, a convocatoria e parte da selección se realizará dende a Xunta de Galicia e puxo a disposición do Concello naronés persoal técnico para ofrecer as explicacións oportunas sobre as mesmas ao tecido empresarial en canto se oficialicen as bases para concorrer ás mesmas. Indicou tamén Miñones que “priorizaranse proxectos innovadores, porque ese é o obxectivo da transición e que atraian e asenten poboación na cidade”, ao tempo que asegurou que “aínda que a central térmica de As Pontes non peche agora, as axudas estarán garantidas sempre que se fixe un período medio de peche”.

Actuacións en materia viaria, de accesibilidade e de infraestruturas foron outros dos asuntos plantexados novamente dende a Alcaldía, así como a problemática das vivendas da Sareb na cidade e que afecta a quince familias dun edificio de Piñeiros.

Finalmente o delegado, que asinou no Libro de Ouro da cidade, agradeceu a invitación e destacou a importancia do contacto directo cos concellos, asegurando que “somos un goberno municipalista”. Ferreiro agradeceu a visita dos representantes do goberno estatal á cidade e tamén a información facilitada para poder trasladarlla ás veciñas e veciños da cidade e ao tecido empresarial co fin de que poidan acollerse ás mesmas.