Na obra investiranse cerca de 10.000 euros
O Concello volve insistir na necesidade de que a Xunta repare a antiga estrada das Pontes
O Concello de San Sadurniño construíu hai cousa de catro anos no Camiño Grande, en Igrexafeita, unha senda peonil que axudase a mellorar a seguridade á beira da antiga estrada das Pontes. Naquel proxecto investíronse preto de 28.000 euros financiados polo POS+ Adicional 2017 cos que a parroquia non só ganou en seguridade para viandantes senón tamén en aparencia, ao eliminar a profunda gabia existente de maneira que todas as vivendas quedasen conectadas pola nova senda. Todas agás unha, a primeira a man esquerda segundo se chega a Igrexafeita. Agora o Concello está ampliando o sendeiro para que se poida percorrer todo o núcleo sen ter que poñer un pé na AC-861.
Nesta actuación investiranse arredor de 10.000 euros facendo o mesmo que en 2018, que consistiu en preparar a cuneta, dotala de canalizacións e pozos de rexistro e, por último, tapala e cubrila cunha capa de cemento vermello con certa inclinación para asegurar unha boa drenaxe da auga procedente da calzada.
Dos traballos encárgase Excavaciones y Canalizaciones Conde tras resultar adxudicataria do contrato menor de obra encargado polo Concello. Esta semana os operarios completaron toda a parte subterránea e agora só falta rematar o forxado da senda, de aproximadamente 1,6 metros de ancho, algo que posiblemente se faga nos próximos días se o tempo segue enxoito.
Deste modo, a senda do Camiño Grande quedará ampliada até cubrir en tramos unha distancia total de 500 m -o novo engadido son arredor de 40 m- abranguendo desde o quilómetro 46 ata a Parrillada María Queira.
A obra completa a trama peonil da zona máis poboada de Igrexafeita, dándolle continuidade -aínda que sen conexión directa- ás beirarrúas existentes desde hai anos en todo o núcleo da Torre e na área de descanso construída no Gandarón aproveitando parte dos 200 metros da estrada vella que quedaron case sen tráfico trala variación do seu trazado a finais dos anos 90.
Demanda de reparacións da estrada das Pontes
A senda peonil de Igrexafeita executada en 2018 e ampliada agora foi unha das demandas expostas en varias ocasións nas xuntanzas do Orzamento participativo. O Concello tentou en primeira instancia que fose financiada pola Xunta, por tratarse da beiravía dunha estrada de titulariedade autonómica. Ante a falla de resposta, o consistorio incluiuna finalmente nos proxectos do POS+ Adicional 2017, mentres que o novo tramo que agora se está levando a cabo vai financiarse con fondos integramente municipais.
O alcalde, Secundino García, cualificou a intervención como “unha obra necesaria” e de “relativamente escasa entidade económica” que reforzará a seguridade das persoas que diariamente pasean pola zona, ademais de facilitarlle ás persoas que viven nese punto o mantemento do ribazo. “A Xunta roza moi de cando en vez a beira da estrada (a última foi esta mesma semana) e con esta ampliación da senda o veciño da casa da parte de arriba terá máis doado limpar a maleza ou colocar unha malla antiherbas, como se fixo noutras vivendas do Camiño Grande que incluso aproveitaron para axardinar o espazo, cambiando para mellor o aspecto de toda a zona”.
O rexedor lamenta, porén, que a mellora na seguridade peonil “non vaia acompañada das reparacións urxentes que necesita a estrada, onde hai anos que a Xunta non fai ningún tipo de mantemento”. García Casal recorda neste sentido que o departamento de conservación autonómico renovou a sinalización vertical recentemente “pero falta que se lle dea ao firme un repaso en profundidade” por causa das deficiencias que presenta “desde Igrexafeita ata a Toca”.