Zumba, ioga, debuxo e pintura, cociña temática e para nenos, baile, artesanía, gimnasia, inglés, tai chi, danza do ventre ou poda son algúns dos cursos que se ofertan este ano
Dende o vindeiro luns e ata o 25 de setembro o departamento de Cultura e Deporte manterá aberto o prazo de inscrición para poder participar tanto nas actividades anuais como nas trimestrais e mensuais organizadas polo Concello de Ordes.
No caso das clases anuais este ano a oferta inclúe Pilates, ioga terapéutico, ioga, Pilates, zumba, ximnasia con material (fitball, pesas de man, picas…), aeróbic, obradoiros artesanais (cestería, coiro, ourivería, xoiería…), debuxo e pintura, baile moderno (de 3 a 7, de 8 a 12 e de 13 anos en adiante), baile en liña para adultos e bailes de salón (niveis iniciación e perfeccionamento). Os prezos oscilan entre os 9 e os 18 € ao mes, aplicándose descontos no caso de ter rexistrada unha discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén por pertencer a familia numerosa. A maior parte das clases impartiranse en horario de tarde para poder compatibilizalo tanto coa xornada laboral e como coa actividade escolar no caso dos máis pequenos e pequenas.
Todas e todos os interesados deberán presentar a documentación requirida na oficina situada no primeiro andar do edificio consistorial, nun horario que vai de 9 a 14 horas. Ademais da ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada é preciso tamén unha fotocopia do DNI. Tamén se deberá entregar o modelo de domiciliación bancaria e o cuestionario médico-sanitario, formularios que xa serán facilitados polo mesmo Concello. Cómpre lembrar que para darse de baixa de calquera destas actividades será necesario facelo por escrito, con rexistro de entrada e antes do mes no que se quere deixar de asistir ás clases. A lista de admitidos farase pública no mesmo Concello o luns 28 de setembro.
Referíndose ás actividades trimestrais e mensuais este ano impartiranse Google APP for Works, inglés e tecnoloxías (niveis básico e medio), ofimática (niveis iniciación e usuario), cociña temática para adultos (arroces e pastas, vexetariana e Nadal), iniciación ao mundo dos fogóns e cazarolas, cociña para nenos e nenas (de 3 a 6, de 7 a 9, de 10 a 12 e de 13 a 16 anos), tai chi, danza do ventre (de 13 a 17 anos e adultos) e cursos de poda. Os prezos oscilan entre os 54 e os 21 €, con descontos para familias numerosas ou persoas con diversidade funcional nun grao igual ou superior ao 33%
Igualmente o horario habitual das sesións, que se desenvolverán nos meses de outubro, novembro e decembro, será de tarde. Ademais da ficha de inscrición para apuntarse será preciso entregar fotocopia do DNI. O sistema de pago do curso será mediante unha autoliquidación que se entregará no departamento de Cultura.