_O obxectivo último, segundo o secretario xeral, é conseguir a importancia que o sector deportivo merece tanto na economía como na sociedade galega para xerar uns beneficios a nivel de emprego e creación de riqueza que repercutan na mellora da saúde física e mental da poboación
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe unha xuntanza de traballo cunha representación do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar encabezada polo seu presidente, José Amado e a xerente, a campioa olímpica, Sofía Toro. Na xuntanza, ambas institucións exploraron as posibles vías de colaboración para acadar a plena reactivación do deporte galego a través de campañas de concienciación e sensibilización dirixidas a toda a sociedade que botarán a andar nas vindeiras datas co obxectivo de aumentar a súa práctica e se consoliden as cifras de licencias deportivas pre pandemia. Ademais, Xunta de Galicia e Clúster xa traballan neste sentido no desenvolvemento de actuacións para ser financiadas cos Fondos europeos Next Generation, orientados a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia.
O obxectivo último, segundo o secretario xeral, é conseguir a importancia que o sector deportivo merece tanto na economía como na sociedade galega para xerar uns beneficios a nivel de emprego e creación de riqueza que repercutan na mellora da saúde física e mental da poboación.
Os obxectivos fundamentais do Clúster son impulsar a posta en marcha de servizos innovadores, de calidade e sostibles; deseñar grandes proxectos sectoriais; fomentar a transferencia de coñecemento; propiciar a colaboración público-privada e a posta en marcha de instrumentos de financiamento; crear postos de traballo; fomentar a captación de investimentos; favorecer a internacionalización; proporcionar recursos, formación e asesoramento: así como fomentar hábitos saudables.
O deporte galego representa o 2,5% do PIB de Galicia, cun volume anual de negocio que ronda os 1.600 millóns, e que e que xera arredor de 12.000 postos de traballo.