O orzamento total ascende a 71.500 euros a cofinanciar entre o Concello e o GALP Costa da Morte.
O Concello da Laracha adxudicou o proxecto de promoción turística A Laracha activa e o mar de Caión que promove co apoio do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) impulsada por esta entidade colaboradora da Consellería do Mar da Xunta de Galicia
O proxecto ten por obxectivo principal reforzar os valores ambientais e patrimoniais no litoral caionés. Para iso propóñense unha serie de iniciativas dirixidas a mellorar a oferta turística e educativa vinculando e compatibilizando a práctica da actividade física co descubrimento dos espazos marítimos e costeiros, e centrándose nos valores medioambientais, paisaxísticos e históricos.
A Laracha activa e o mar de Caión estrutúrase en cinco actuacións diferenciadas. Dúas consisten na sinalización de roteiros para realizar a pé. Un será o sendeiro A Lararacha-Caión que une a capital municipal coa vila costeira nun percorrido de doce quilómetros ao longo do que se colocarán sinais direccionais e paneis interpretativos con información sobre os principais puntos de interese patrimonial e medioambiental. O outro lugar de intervención é o Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo de Caión que parte da Praza Eduardo Vila Fano e remata preto do límite co veciño municipio de Carballo. Este espazo conta co distintivo de Sendeiro Azul e forma parte da Rede Natura.
A terceira actuación consiste na posta en marcha dun programa medioambiental que proporá un conxunto de actividades a realizar con diferentes institucións, especialmente educativas, dirixidas a visibilizar a costa e o mar como recursos doutras cadeas de valor relacionadas coa economía (turismo, biotecnoloxía, etc). Exemplos disto serían programas de andainas, difusión dos oficios da pesca artesanal e xornadas de educación ambiental nos colexios.
A cuarta liña contempla a creación dunha pictoaplicación dirixida a persoas que presenten trastornos de comunicación na linguaxe oral e que lles facilitará a comprensión do territorio costeiro e do mar da Costa da Morte.
Por último, inclúese a asistencia técnica por parte de persoal especializado no sector turístico que prestará asesoramento e coordinación e levará a cabo un seguimento de todas as actuacións que se desenvolvan no marco deste proxecto.
O proxecto A Laracha activa e o mar de Caión presenta un orzamento total duns 71.500 euros que serán investidos coa fin esencial de potenciar e xerar sinerxías entre o turismo mariñeiro e outros segmentos en crecemento como o turismo de natureza, o cultural-patrimonial e o deportivo.