Friday 22 de November de 2024

O BNG lamenta a “oportunidade perdida” para dar explicacións sobre a gasolineira e depurar responsabilidades 


O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego mostrou no pleno celebrado onte a súa preocupación ante o que consideran “unha xestión nefasta” do goberno local á hora de tramitar os permisos para instalar unha gasolineira de baixo custo en Xarás.

Desde o BNG lamentan que esa mala xestión realizada polo Partido Popular, tanto desde a Xunta como desde o Concello de Ribeira, estea poñendo en risco cartos públicos e tamén os postos de traballo que se xeraron coa apertura desa gasolineira. “Estamos moi preocupados porque vemos a un goberno incapaz buscar alternativas para asegurar o emprego e ocupa o tempo en buscar desculpas no canto de traballar para clarificar todo o acontecido” declarou o portavoz nacionalista Luís Pérez Barral.

Barral desmentiu as declaracións do rexedor de que todos os informes foron favorábies, “o BNG ten alomenos dous informes de Montes, dependente da Consellaría de Medio Rural, nos que se aclara que a parcela sufriu tres incendios e que, polo tanto, estaría afectada pola prohibición que establece a lexislación sobre os cambios de uso após un incendio forestal”. Desde o BNG tamén botan en falta maior transparencia sobre todo este asunto xa que, segundo informan, non se lle facilitaron todos os informes nin documentos e os que se lle deron foi o día antes do pleno.

O BNG advirte de que puxo o tema en mans do seu equipo xurídico para determinar o alcance das sentenzas e informa de que esixirá a depuración de todas as responsabilidades políticas a nivel local e a nivel galego. “Onte o alcalde desaproveitou a oportunidade para dar toda a información e incluso desculparse dos erros cometidos pero nada diso aconteceu”, aseguran desde o BNG. “Haberá que agardar a novos ditames xudiciais pero hai unha cousa certa, que se infrinxiu a lexislación tal e como se demostra en sentenza xudicial pois a Xustiza rexeitou os argumentos esgrimidos polo goberno local e ditaminou que as actuacións realizadas foron irregulares. Non imos tolerar que Ruiz e o seu equipo miren para outro lado, deben asumir as súas responsabilidades” conclúe Barral.