Saturday 16 de November de 2024

Arrancan as Festas do Apóstolo 2022 co pregón do actor Tamar Novas


As Festas do Apóstolo 2022 botan a andar mañá, xoves 21, co pregón do actor compostelán Tamar Novas que será ás 22.00 h desde o balcón do Pazo de Raxoi. A praza do Obradoiro acollerá a continuación o concerto da recoñecida banda americana The New York Ska-Jazz Ensemble.

O pregón a cargo do actor Tamar Novas dará o pistoletazo de saída a dez días de concertos, fogos, cine ao aire libre, espectáculos para os máis pequenos, cabezudos, deporte…que se alongarán ata o día 31 de xullo.

O pregoeiro será nesta ocasión Tamar Novas, nacido e criado en Santiago, e que atesoura unha ampla e intensa carreira no mundo da interpretación na que veu combinando traballos no cinema, televisión e tamén no teatro, que o levaron a convertirse nun dos actores de referencia do panorama nacional.

Todas aquelas persoas que o desexen poderán achegarse á praza do Obradoiro para seguir o pregón a partir das 22:00 h e continuar gozando coa actuación dun dos grupos referentes de ska a nivel internacional, os america-nos The New York Ska-Jazz Ensemble.

Trátase do primeiro concerto dunhas festas que contarán coa presenza de artistas da categoría de Calexico, Rocío Márquez e Bronquio Herdeiros da Crus, Jenny and the Mexicats, Garufa Big Band ou La Chiva Cantiva, entre moitos outros. Todos eles pasarán nos próximos días polos escenarios da Quintana, o Obradoiro ou Mazarelos, ao que se sumará o parque de Galeras cun ciclo de concertos con artistas como Rufus T. Firefly, Yoly Saa, Grande Amore ou Bala. Ademais o parque de Alameda, acollerá as actuacións das orquestras Estrellamar, Los Alkar, Zeltia,
Tatoo e Costa Dorada.

Programa para todos os gustos

O programa tamén fará as delicias dos amantes da vertente máis tradicional coa celebración do TRAD FEST ou do Día do Traxe Galego, así como as populares alboradas e o desfile dos xigantes e cabezudos. A programación tamén ofrece outras actividades como o Dron Festival GP Series 2022, a XXXIII concentración de antigos ou o concurso de traxes de época. Ademais, entre o martes 26 e o domingo 31, o parque Eugenio Granell acollerá una sesión dobre diaria de cine ao aire libre para público infantil e adulto.

Non faltarán nestas festas, a cita central cos fogos do Apóstolo a noite do 24 e tamén a do día 31, así como as populares atraccións que desde o sábado 16 ata o domingo 31 de xullo poderán visitarse na Alameda.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.