A Policía Local leva realizadas 577 inspeccións dende o 2020
A Policía Local de Carballo realizou nos seis primeiros meses deste ano 138 inspeccións de parcelas a raíz de denuncias por incumprimento ou ben da Ordenanza municipal de limpeza, salubridade e hixiene ou ben da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Dende principios do 2020 a cifra elévase a 577, na maioría dos casos a raíz de denuncias presentadas pola veciñanza.
Tal como establece a ordenanza municipal, as persoas propietarias dos terreos teñen a obriga de mantelos limpos, libres de restos e residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público. Esta obriga inclúe evitar o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecte ás parcelas lindeiras, respectando a normativa autonómica sobre risco de incendios.
A inspección corresponde aos axentes da Policía Local e/ou funcionarios e traballadores municipais, que nestes casos teñen a consideración de axentes da autoridade. A tramitación, como podes comprobar na propia ordenanza, implica a realización de informes técnicos e xurídicos e, antes de ditar orde de execución, debe darse audiencia á persoa interesada. No caso de apreciarse incumprimento da normativa debe realizarse unha descrición detallada das medidas correctoras, fixar un prazo de execución e ditar a orde correspondente.
As 138 inspeccións realizadas este ano polos axentes da Policía Local correspóndense coas 113 denuncias recibidas, 58 relativas a parcelas urbanas e 55 a rurais, das cales xa están resoltas case o 30% e as outras seguen o trámite administrativo correspondente.
Pero ademais da ordenanza municipal, as persoas propietarias de terreos están obrigadas a cumprir a lei autonómica de prevención de incendios. Carballo é un dos concellos galegos considerados pola Xunta como de alto risco de incendios, un risco que se concentra na parroquia de San Xoán Bautista debido á proliferación de lumes na periferia urbana. A extensión dos lumes é moi reducida, pero é a súa reiteración a que sitúa todo o territorio do noso concello nesa listaxe.
A lei galega reparte as competencias en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais entre as administracións autonómica e locais, de xeito que aos concellos correspóndenlles as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as beiras das vías de titularidade municipal, mentres que en todos os demais supostos a xestión asúmea directamente a Xunta.
En virtude do convenio entre Concello e Xunta, entre finais do ano pasado e o que vai deste foi remitido dende o Concello á Xunta oficio sobre 15 parcelas non urbanas para que Seaga execute a execución subsidiaria da limpeza. No que vai do 2022 dende o Concello de Carballo tamén se decretaron 38 ordes de execución subsidiaria de limpeza de soares urbanos.
ASPECTOS DE INTERESE DA LEI AUTONÓMICA
Que é unha faixa de xestión de biomasa?
É unha faixa de terreo na que se controlan o tipo e a altura da vexetación para previr o inicio dun lume, a súa propagación e os seus efectos. As faixas de xestión de biomasa conforman redes primarias, secundarias e terciarias, segundo as súas funcións. As primarias e terciarias están xestionadas directamente pola Consellería do Medio Rural, e as secundarias, polos concellos.
Cales son os ámbitos e obxectivos das redes secundarias?
• Manter limpo o perímetro do monte e dos núcleos de poboación, de xeito que debe deixarse unha faixa limpa de polo menos 100 metros arredor dos núcleos. Ademais, a menos de 50 metros das vivendas e doutros 50 a partir do límite do núcleo rural limítanse as plantacións.
• Manter limpas as beiras das infraestruturas públicas.
• Manter limpa unha faixa de 5 metros na contorna das liñas eléctricas.
• Nas zonas de alto risco de incendio, como é o caso do noso concello, debe manterse limpa ou rareada unha faixa de 50 metros nas novas edificacións de uso residencial, comercial, industrial ou de servizos, instalacións agrogandeiras ou forestais.
Quen é responsable da limpeza das faixas?
• As persoas propietarias, arrendatarias, usufrutuarias ou titulares das parcelas.
• As administracións, entidades ou sociedades titulares das vías de comunicación e das liñas eléctricas.
Como se pode poñer en coñecemento da Administración o incumprimento da lexislación?
O procedemento pode realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Carballo, tanto de maneira telemática como descargando o impreso de solicitude xeral e presentándoo en calquera dos rexistros municipais (Casa do Concello, Pazo da Cultura, Servizos Sociais, Fórum Carballo, Carballo Deporte e rexistro telemático).
Cando debe facerse a limpeza?
Antes do 31 de marzo de cada ano.
Que pasa se non se fai?
A Consellería do Medio Rural ou o Concello, segundo os casos, notificará ás persoas titulares das parcelas a obriga de comezar a limpeza nun prazo máximo de 15 días. No caso de que se incumpra ese prazo, o organismo competente poderá ordenar os traballos de limpeza repercutindo os gastos na propiedade, obrigará a que se lle facilite o acceso para o cumprimento da limpeza subsidiaria, se é o caso; iniciará o procedemento sancionador e, no caso de incendio, poderá limpar ou realizar traballos preventivos sen autorización previa. As sancións ás que se expoñen as persoas que non limpen as súas propiedades van, no caso do incumprimento da ordenanza municipal, de 250 a 2.400 euros, e por incumprir a lei autonómica poden acadar os 100.000 euros.