O Concello de Moeche leva varios anos preparando unha programación cultural especial con motivo do 25 de Xullo, Día de Galicia, que é festivo autonómico e estatal e que, ademais, este ano cae en luns. Preséntasenos, xa que logo, unha fin de semana ampliada e festiva que os departamentos de Cultura e Turismo van encher con propostas que en boa medida terán o castelo como principal escenario. Neste sentido, o venres á tarde poderemos participar nunha ruta turística para coñecer a relación histórica entre as fortalezas de Naraío e Moeche, mentres que á noite gozaremos da visita teatralizada “O castelo non é para nós” que tivo que pospoñerse hai uns días. O sábado é día de feira e o domingo, véspera do 25X, reedítase a “Noite de Galicia no Castelo de Moeche” con música ao vivo e un percorrido nocturno polas súas estancias, iluminadas para a ocasión. O luns, como remate, teremos unha nova oportunidade de entrar literalmente no interior da Terra reservando praza na Xeorruta de Mina Piquito que se desenvolverá en dúas quendas, unha ás 16:30 e outra a partir das 18:40h. Para esta última cita cómpre bulir, posto que están a piques de completarse as 20 prazas dispoñibles (10 e 10).
Tal e como informan desde a Oficina de Turismo, este venres 22 ás 16:00h botará a andar a ruta guiada entre os castelos de Naraío e Moeche, dúas fortalezas que pola súa proximidade e polo seu pasado común conforman un conxunto único para dar a coñecer o medievo galego, ademais de seren enclaves fundamentais para entender as Revolucións Irmandiñas do século XV.
O percorrido comezará en Naraío e irá vindo até Moeche -cadaquén no seu propio vehículo- facendo distintas paradas en localizacións destacadas polo seu valor patrimonial e histórico. A ruta é gratuíta e require inscrición previa chamando ao 981 404 006, mandando un correo a turismo@moeche.gal ou cubrindo este formulario en liña.
Tamén o venres pero ás 21:00h terá lugar na fortaleza a primeira das tres visitas teatralizadas que están programadas para este verán, moi relacionadas co episodio da Grande Guerra Irmandiña dos anos 1467 a 1469. Trala inmisericorde represión da revolta, Pedro Álvarez de Osorio -Conde de Lemos e nobre máis poderoso da Galicia daquel entón- organiza canda a súa dona, Beatriz de Castro, unha grande festa de reestrea do castelo que esperan sexa recordada por sempre. Pero nada vai saír como eles pensan.
Ese é o punto de inicio de “O castelo non é para nós”, unha ficción de 45 minutos preparada a tres bandas por Raquel G. Crespo, Susana Crespo e Yago Espasandín, con asesoramento neste caso do técnico municipal de Turismo, Ramón Carballeira. Nela entretécense feitos históricos documentados cun argumento en clave de humor, co obxectivo de que o público asistente sexa ao mesmo tempo convidado na festa inaugural dos Lemos e testemuño das tribulacións de Don Pedro e Dona Beatriz. As entradas -que cómpre retirar no propio castelo- teñen un prezo único de 5€ para maiores de seis anos. Fai falla reservalas antes chamando ao Concello, contactando con Turismo ou cumprimentando estoutro formulario.
Feira o sábado e máis actividade o domingo e o luns
O sábado é día 23, día de feira en San Ramón e boa oportunidade de facerse a bo prezo con produto fresco e elaborado, ou de enchouparse de tradición nunha das poucas feiras que mantén a súa esencia no norte da provincia da Coruña. Como alternativa cabe recordar que relativamente preto, en Cerdido, se desenvolverá tamén de mañá a Xeorruta do Cobre, visitando, entre outros espazos, o complexo mineiro dos Carrís/A Barqueira, que estivo en explotación até finais dos anos 60 do século pasado, igual que Mina Piquito. Nesta última mina, situada en Santa Cruz, poderá entrarse con reserva previa (9€ por persoa) na tarde do luns 25 en dúas quendas: unha de 16:30 a 18:30h e outra de 18:40 a 20:30h.
Polo seu estado de conservación e polos fenómenos que se observan nas súas galerías, Mina Piquito é probablemente un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a mina.
O percorrido polo interior de Mina Piquito pechará as actividades con motivo do 25 de Xullo. Porén, un día antes, o domingo 24 a partir das 21:00h, temos a “Noite de Galicia no castelo”. Poderán facerse visitas nocturnas á fortaleza, que ademais contará coa ambientación musical do dúo de cordas -violín e chelo- The Duelist, quen ofrecerán o seu repertorio clásico entre as 22:30 e as 00:00h.
Canda a música clásica, os distintos espazos do castelo iluminaranse con luces tenues para vestir a velada de maneira axeitada. Unha velada que tamén permitirá admirar a exposición “A nosa tradición na madeira”, do ebanista local José Fernández Hermida.
A reserva de entradas (ao prezo xeral de 4€) hai que facela nos enderezos de Turismo ou no seguinte formulario.