Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición nun curso de Fontanería convocado a través do Programa Municipal de Formación


O Concello de Narón convocou un curso de Fontanería a través do Programa Municipal de Formación. A edil responsable da área de Formación, Natalia Hermida, recordou que se ofertan un total de quince prazas e que aínda quedan vacantes. O curso diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, que non teñan concedido outro curso do programa municipal de formación coincidente temporalmente na realización, entre outros requisitos. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través do Rexistro Xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A acción formativa consta dun total de 450 horas máis 15 de módulos adicionais e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas. As sesións impartiranse do 1 de agosto ao 15 de decembro, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 de luns a venres e as prácticas en empresas serán cinco horas ao día no horario que se determine.
Prevención de riscos laborais, interpretación de planos, materiais, ferramentas, equipos de medida, instalacións tipo, dimensionado de instalacións, tubaxes e técnicas de mecanizado e unión, montaxe de aparatos sanitarios e billas, mantemento e reparación de avarías… forman parte dos contidos teóricos. A maiores, o alumnado realizará 15 horas de módulos transversais de orientación, igualdade e emprendemento e 100 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.

As prazas cubriranse por orde de inscrición e o listado provisional de admitidos, suplentes e excluídos publicarase na Sede Electrónica do Concello e o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión. Para recibir máis información pódese consultar a páxina web do Concello –apartado de Formación-, a Sede Electrónica, ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).