Monday 25 de November de 2024

Dous novos filmes do ciclo “Cine de Verán” e os concertos de Xoubas e Pablo Díaz do programa “Verde que te quero verde” centran a programación cultural desta fin de semana


A programación cultural desta fin de semana inclúe propostas de cine e música dirixidas a público familiar na zona urbana e rural da cidade. A continuación do programa do ciclo “Cine de Verán” inclúe dúas novas proxeccións, unha mañá xoves nas inmediacións do Centro Cívico Social do Val, donde se poderá ver o filme “Goomer” e outra o venres, cando se proxectará xunto ao Centro Cívico Social de Sedes “O Mago dubidoso”. En ambos casos a entrada é de balde. O ciclo está organizado a través do Padroado da Cultura de Narón e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

“Goomer” é unha película que protagoniza un camioneiro intergaláctico que se verá obrigado a realizar unha aterraxe de emerxencia nun planeta que non coñece e que habitan personaxes moi curiosos e onde se está celebrando unha festa moi importante. No caso do filme “O mago dubidoso”, o protagonista é Bieito Dubidoso, un mago que naceu en Galicia, concretamente en Tui, e que vivirá numerosas aventuras. Uns piratas asaltan o barco de Pedro Cabaledo, o pai de Bieito, pero este último consegue que fuxan grazas aos seus trucos de maxia.

Na xornada do domingo regresará de novo a música aos espazos verdes de Narón, concretamente o día 24 á rúa Mariña Española. Nesa data, ás 12.30 horas, darán comezo os dous últimos espectáculos incluídos na sexta edición do programa municipal “Verde que te quero verde”, organizado a través do Padroado da Cultura. A formación Xoubas interpretará varios temas ao ritmo do swing e o soul xamaicano e, a maiores, amenizará a xornada Pablo Díaz, un dos músicos máis recoñecidos da música infantil.