Friday 22 de November de 2024

La vuelta 2016 sairá desde un balneario da provincia de Ourense e percorrerá as catro provincias da comunidade


La Vuelta sairá desde Galicia por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia, ao que hai que sumar que solo dúas das últimas 22 finais da rolda española tiveron lugar fóra de Madrid e ambas as dúas foron en Santiago de Compostela

La Vuelta Ciclista a España 2016 sairá de novo desde Galicia, concretamente dende un balneario da provincia de Ourense onde terá lugar unha contrarreloxo por equipos. A nosa comunidade albergará, ademais, cinco etapas que transcorrerán polas catro provincias galegas.

Deste xeito, Galicia ocupará, unha vez mais, un lugar destacado neste gran acontecemento deportivo que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre.

Ourense protagonizará outro momento histórico ao igual que o foi o sorprendente comezo dende unha batea en Vilanova de Arousa no ano 2013 ou o remate do pasado ano que mesturouse coa meta do Camiño en Santiago de Compostela.

Así, a nosa comunidade continúa constituíndo un piar fundamental neste evento xa que La Vuelta sairá desde Galicia por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia ao que hai que sumar que solo dous dos últimos 22 finais da ronda española tiveron lugar fora de Madrid e ambos foron en Santiago de Compostela.

No 2016, Galicia mostrará de novo todo o seu esplendor a miles de espectadores cun inicio único e cinco etapas que non deixará a ninguén indiferente.

En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou esta mañá La Vuelta ofrece á nosa comunidade unha vez máis unha oportunidade única para continuar coa traxectoria de internacionalización do destino Galicia.

Nava Castro referiuse a este evento deportivo como “unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as variadas paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e o noso importante patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega”.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que La Vuelta constituirá unha carta de presentación da nosa oferta turística a nivel internacional.

Espectacular repercusión mediática
No pasado ano, tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapas que transcorreron polo territorio galego houbo un nivel de asistencia de público masiva rexistrándose un total de 2.100.000 espectadores in situ.

A estes espectadores que se acercaron ata os lugares por onde pasou La Vuelta hai que engadir a espectacular repercusión mediática acadada. O evento foi seguido por un gran número de seguidores a través das pantallas de varios países do mundo acadando a cobertura internacional 190 países dos cinco continentes.

A nivel nacional, La Vuelta tamén tivo unha presenza continuada na televisión con mais de 8 horas de difusión diarias e unha cota de pantalla do 14%, así coma unha audiencia acumulada de mais de 31 millóns.

En total, este evento xerou máis de 18 mil artigos na web, mais de 6 mil artigos en prensa, 600 repercusións na radio e 516 noticias de televisión.

As cinco últimas etapas da La Vuelta 2014 disputadas en terras galegas supuxeron mais dun billón de audiencia e unha valoración de preto de 16 millóns de euros.

Máis de 4 millóns de euros de retorno económico
Ademais, ao impacto mediático e a gran repercusión comunicacional que xerou, hai que unir os beneficios directos que produciu La Vuelta nas zonas polas que transcorreu.

Soamente a organización realizou reservas en 80 hoteis galegos, o que supuxo un total 2.500 prazas hoteleiras ocupadas ás que hai que sumar as prazas dos invitados, medios de comunicación e afeccionados.

Con todo, o retorno económico de La Vuelta 2014 ao seu paso por Galicia foi de máis de 4 millóns de euros, dos que mais de 2 millóns de euros proviñeron da repercusión mediática e os mais de 1,7 millóns de euros restantes viñeron do retorno da inversión directa.