· A sesión celebrarase mañá, xoves 21 de xullo, ás 20:00 horas, na que se tratarán, tamén, temas da orde do día como a moción do grupo PSdG-PSOE para a defensa do ensino público.
O goberno local de Camariñas proporá ao Pleno da corporación a adhesión á “Declaración en Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas” na sesión que se celebrará mañá, xoves 21 de xullo ás 20:00 horas. Na mesma trataranse tamén puntos da orde do día como a moción do grupo PSdG-PSOE para a defensa do ensino público.
Esta proposta nace da certificación remitida pola CMAT na que se fai constar que a “Declaración sobre la Defensa del Cielo Nocturno y el Derecho a la Luz de las Estrellas” emana da “I Conferencia Internacional Starlight” (2007), e en cuxa elaboración participaron representantes da UNESCO, OMT, IAU, IAC, Programa MaB e Convención Ramsar, ademais doutros organismos internacionais, onde se conteñen os principios e reflexións que levan a considerar o Ceo Nocturno como un patrimonio de todos, e se expoñen as recomendacións para protexelo e valoralo como un ben científico, cultural, medio ambiental e turístico de primeira magnitude.
Con esta declaración, iníciase unha campaña internacional xestionada pola Fundación Starlight, en defensa da calidade dos ceos nocturnos e o dereito á observación das estrelas, aberta á participación de todas as institucións públicas e privadas, asociacións científicas, culturais e cidadás relacionadas coa defensa do ceo nocturno.
Pretende así reforzar a importancia que os ceos limpos teñen para a humanidade, realzando e dando a coñecer o valor que este patrimonio, en perigo, posúe para a ciencia, a educación, a cultura e o turismo. Así tamén, destácase o dereito a un ceo nocturno non contaminado como factor de calidade de vida, axudando a difundir os beneficios directos e indirectos, tecnolóxicos, económicos e culturais asociados á observación das estrelas.