Saturday 16 de November de 2024

A segunda edición do concurso Galeguizando Tik Tok repartirá lotes de produtos culturais galegos


A Concellaría da Normalización Lingüística da Pobra do Caramiñal lanza a segunda edición do concurso Galeguizando Tik Tok como unha das actividades coas cales festexa-lo 25 de xullo, Día da Patria Galega.

O edil Xabier Santos (BNG) explica que se volve apostar por este certame para así fomenta-lo uso do galego nas novas tecnoloxías e chegar á xente moza dunha maneira lúdica. Os vídeos deberán estar en galego, ter como temática o Día da Patria Galega e segui-lo formato da app. Tik Tok. As persoas participantes, que deben ter feitos trece anos ou máis, deberanse anotar e face-la entrega do vídeo mediante o enderezo electrónico normalizacion.linguistica@apobra.gal. Os premios serán un lote de produtos culturais galegos e estabelécense un total de 3 distincións valoradas en 100 euros cada unha: ó máis orixinal, ó máis divertido e ó máis creativo.

A data límite para a inscrición estipúlase no día 5 de agosto e, unha vez formalizada, outorgaráselle a cada persoa un código de identificación para pór na súa gravación. O envío das pezas farase antes de remata-lo día 15 de agosto. As bases completas están ó dispor en www.apobra.gal.

A maiores, o Concello atópase inmerso no repartimento de bandeiras galegas. A cidadanía que desexe conseguir unha pódea solicitar no propio consistorio. Outra das propostas impulsadas ó abeiro desta programación foi a presentación de O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, que tivo lugar no 18 de xullo.