Friday 22 de November de 2024

A Xunta investirá máis de 1M€ para adaptar o Colexio Curros Enríquez ao novo Plan de Arquitectura Pedagóxica


Román Rodríguez anuncia a licitación das obras de renovación da cuberta coas que se mellorará o illamento e se implementarán novas condicións lumínicas no interior

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, visitou o colexio Curros Enríquez, onde anunciou que o seu departamento vén de licitar as obras de renovación da cuberta cun investimento de 1M€ para adaptar así este centro ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar centros educativos máis sostibles e innovadores.

O titular de Educación salientou que estas actuacións permitirán renovar as condicións de illamento e lumínicas do centro do que se beneficiarán os preto de 250 alumnos que acoden diariamente ás clases. “É unha reforma practicamente integral das envolventes do edificio, necesaria para que centros educativos como este dean resposta ás novas necesidades, se modernicen e sexan espazos eficientes e confortables para toda a comunidade educativa”, indicou.

En concreto, as intervencións permitirán substituír os 1.400 metros da cuberta por outra melloren o illamento. Tamén se reparará e restituirá a fachada actual, limparanse e recubriranse os muros e, no interior, colocaranse falsos teitos no edificio principal do colexio con paneis acústicos.

Substitución de luminarias
As actuacións incluirán tamén a substitución das luminarias fluorescentes por pantallas LED con sistemas de regulación lumínica nas aulas e sistema de detección do movemento. A previsión é que a licitación poida estar resolta no primeiro trimestre do curso 22-23 e, tendo en conta que ten un prazo de execución de catro meses, prevese que as actuacións poidan estar rematadas de cara a finais do vindeiro curso.

Román Rodríguez salientou que se enmarca na aposta da Xunta por renovar e actualizar os centros educativos da cidade da Coruña ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. En concreto destínanse 3,7M€ en distintos colexios e institutos ao abeiro deste plan, algúns en execución como os colexios Eusebio da Guarda, Alborada, Salgado Torres ou San Pedro de Visma e os institutos Agra do Orzán, Elviña e Rafael Dieste.