— Renovarase por completo o mobiliario e os espazos interiores, e crearase un xardín terapéutico no exterior con vistas ao mar para o desfrute de usuarios e familiares
— Estas novas actuacións súmanse a medidas xa adoptadas no ámbito tecnolóxico, como o sistema de fisioterapia e rehabilitación ‘Rehametrics’
A Xunta de Galicia investirá 1,8 M€ na residencia pública para persoas maiores Torrente Ballester para completar a súa mellora integral e avanzar cara o modelo de coidados do futuro. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe este centro para anunciar a próxima renovación dos seus espazos interiores e exteriores, co fin de humanizar e dar máis funcionalidade ás instalacións.
Fabiola García, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, enmarcou estas actuacións proxectadas na progresiva implantación do novo modelo de coidados, xa que se avanzará na mellora estrutural e arquitectónica do centro. En concreto, renovarase por completo o mobiliario e espazos interiores da residencia, e crearase un xardín terapéutico no exterior con vistas ao mar para que as persoas usuarias poidan pasear, descansar, realizar actividades ou recibir as visitas dos seus familiares.
Así mesmo, a conselleira explicou que estas novas intervencións súmanse a outras medidas que xa foron adoptadas no centro residencial coruñés no ámbito do aproveitamento das novas tecnoloxías, outro dos piares do novo modelo de coidados de Galicia. Trátase do sistema de fisioterapia e rehabilitación ‘Rehametrics’, que permite que os maiores fagan terapias a través da realidade virtual e que xa está en funcionamento noutras dúas residencias públicas autonómicas: a situada no municipio pontevedrés da Estrada e a das Gándaras, na provincia de Lugo.
Máis calidade de vida
Fabiola García defendeu o modelo de coidados que está a desenvolver o Executivo autonómico ao ser unha proposta consensuada co sector, realista e que mellorará a calidade de vida dos maiores. Este modelo baséase en catro eixes fundamentais nos que é preciso actuar: a humanización das instalacións, o uso dos avances tecnolóxicos, unha maior coordinación sociosanitaria e melloras arquitectónicas.
Por último, a conselleira destacou os coidados que se prestan na residencia Torrente Ballester, que a converten nunha referencia en Galicia e no conxunto de España. De feito, durante a súa visita entregou ao persoal un premio recentemente outorgado polo Consello Xeral de Enfermería de España, que recoñece a profesionalidade e boa atención que reciben os usuarios deste centro e o acreditan como un dos mellores de todo o Estado.