Friday 22 de November de 2024

Nova andaina do programa de rutas “Pateando Cabanas”


Será o sábado 30 de xullo cun percorrido circular de 9 quilómetros e dificultade moderada

O Concello de Cabanas, a través da área de deportes, organiza neste mes de xullo a cuarta saída do programa de rutas “Pateando Cabanas”. Terá lugar o sábado 30 de xullo, con saída ás 10.30 horas desde Casa do Concello.

Trátase dunha ruta de tipo circular, un percorrido de 9 quilómetros cun desnivel de 300 metros, polo que a súa dificultade será moderada, cun trazado que parte cunha rampla curta pero empinada, que logo se suaviza para continuar coa suba até rematar un pouco menos da metade deses quilómetros totais. Será unha ruta que durará até aproximadamente as 13.30 horas.

A primeira rampla é a máis dura (non máis de 200 metros) e farase por pista asfaltada a ritmo suave, a partir da cal seguirase subindo a un ritmo máis levadeiro. A maior parte do trazado discorre por pistas forestais e sendeiros.

Entre os puntos de interese, pasarase por Pico Castro para desfrutar dunha das mellores vistas do concello. Ademais, o grupo achegarase á Pena da Lección e ao Marco do Salto e se percorrerán tramos con carballos, castiñeiros e sobreiras, así como zonas con arquitectura rural de Cabanas.

O prazo de inscrición comeza hoxe e rematará o próximo xoves 28 de xullo. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a deporte@cabanas.gal ou a través da plataforma de xestión deportiva Sporttia facilitando o nome completo, DNI, data de nacemento (día/mes/ano), número de teléfono e localidade de procedencia.

Desde o Concello de Cabanas lémbrase a necesidade de levar roupa e calzado axeitados (botas ou zapatillas de montaña con taco) e bastóns, así como auga e algo para picar. Ademais, débese ter en conta que toda actividade física require dun mínimo de preparación e estar exentos de patoloxías médicas que desaconsellen esta actividade deportiva.