Prosegue a programación de xeorrutas organizadas polos concellos do noso proxecto de xeoparque. Tras unha intensa semana central de xullo, a penúltima do mes promete selo tanto ou máis gracias á variedade de percorridos que se propoñen entre este xoves 21 e o luns 25, festivo de ámbito galego e estatal. Temos abertas as reservas para sete saídas que, de novo, alternarán as paisaxes costeiras dos arredores de Santo André de Teixido, Couce do Penido e O Limo coas do interior, onde terán un especial protagonismo, ademais da paisaxe granítica do Forgoselo, as visitas relacionadas cos xacementos de cobre e o pasado mineiro de Cerdido e Moeche. A oitava xeorruta -a do Cromo do domingo á tarde- xa ten cubertas todas as prazas e a novena, que lle dá sentido ao titular desta información, é a que ofrece o venres á tarde polo mar a empresa de turismo activo Rutas Cedeira con saída desde o peirao vello da vila.
Xoves 21 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta dos Penidos (Concello de Ortigueira). Máximo 20 prazas. Última oportunidade deste verán para facer o percorrido dos Penidos na compaña do xeólogo Francisco Canosa e aprender máis cousas sobre como se formaron as ecloxitas, un tipo de rochas orixinadas a máis de 100 quilómetros de profundidade que aquí, no Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, poden verse en superficie.
A zona norte da Capelada leva décadas sendo obxecto de investigacións pola presenza destes materiais. Porén, na banda sur, na zona de Couce do Penido tamén se observan numerosos exemplos de grande valor científico, razón pola que o IGME a catalogou recentemente como Geosite, ou o que é o mesmo, como lugar de interese xeolóxico cunha relevancia internacional.
A visita discorrerá por preto do rego do Casón, que nos ofrece o espectáculo xeolóxico da fervenza e do Pozo do Inferno, xunto cos vestixos do castelo que dominaba desde o alto a ribeira oeste da ría de Ortigueira. Máis info e reservas aquí.
Venres 22 de xullo, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade -os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo- e pola posibilidade de admirar os cantís máis elevados da Europa continental desde a súa parte máis baixa, o que nos ofrece unha perspectiva espectacular da paisaxe.
A baixada a Teixidelo é unha aventura que culmina na praia, pero ao longo da ruta tamén poderán ollarse plantas endémicas, o cauce da fervenza que bate a escasos metros das ondas ou a falla que leva o mesmo nome, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val que presenta todas as características dunha orixe glaciar.
Trátase dun percorrido de dificultade alta que require bo estado de forma, ademais de roupa e calzado adecuados. Tamén é altamente recomendable levar vara ou bastón, protección solar, auga e algo de comer (froita, barras enerxéticas, mellor algo lixeiro). Máis info e reservas aquí.
Venres 22 de xullo, 17:00h: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/persoa) Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, tamén cobran unha nova dimensión.
As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. O prezo son 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.
Sábado 23 de xullo, 10:00 a 13:00h: Xeorruta do Cobre (Concello de Cerdido). Máximo 20 prazas. Na primeira parte do día achegarémonos a unha das antigas explotacións mineiras de Cerdido, que xunto con Moeche foi un importante enclave de extracción de minerais ricos en cobre durante a primeira metade do século XX.
O percorrido xeolóxico para comprender como é posible que houbese cobre nesta zona concreta -algo que nos desvelará o doutor Canosa- terá tamén moito que ver coa historia industrial, xa que visitaremos as antigas instalacións do grupo Os Carrís / A Barqueira, clausuradas a finais dos anos 60, para coñecer de preto todo o proceso extractivo e o seu posterior procesado.
Achegarémonos, ademais, á cheminea de calcinación de Mina Maruxa, que constitúe por si mesma un elemento de grande valor histórico e patrimonial. As minas de cobre de Cerdido e Moeche -Mina Piquito- están propostas ao IGME como Lugares de Interese Xeolóxico (LIX) polo seu interese xeomorfolóxico dentro do contexto dos sistemas kársticos en carbonatos e evaporitas. O máis rechamante son os denominados “espeleotemas” -a formación de estalactitas e estalagmitas dentro das galerías- de cores ocres producidos polo hidróxido de ferro, brancos (sulfato de ferro), azuis (sulfato de cobre) e verdosos (silicatos hidratados de cobre). Máis info e reservas aquí.
Sábado 23 de xullo, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Para a tarde do sábado resérvase un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. No camiño observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.
Domingo 24 de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Prazas completas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo -preto de onde se encontra o monumento a Leslie Howard- iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita.
No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Esta xeorruta xa completou as súas reservas
Domingo 24 de xullo, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes.
Isto, unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.
Luns 25 de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta das Pías (Concello de San Sadurniño). Máximo 20 prazas. Abandonamos a zona costeira para emprender a primeira das xeorrutas interiores da semana, achegándonos para iso ao límite sur do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
O punto de encontro é impoñente castelo de Naraío, situado sobre un rochedo xusto á beira do val estrutural do río Castro tendo de fronte os grandes desniveis do bloque granítico do Forgoselo.
Desde o castelo descenderase até a fervenza de Riolimpo, punto de confluencia entre a paisaxe de granito e materiais sedimentarios completamente distintos. O percorrido remata na zona de Racamonde -cómpre subir o coche- chea de exemplos de bolos, pedras cabaleiras, pías, acanaladuras e tafonis que non se atopan en ningún outro lugar do territorio aspirante a obter a distinción da UNESCO. Máis info e reservas aquí.
Luns 25 de xullo, 16:30 a 18:30 e 18:40 a 20:40h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). Máximo 10 persoas por quenda. Neste itinerario si nos meteremos literalmente no interior da Terra para facer a ruta máis curta de todo o programa e unha das máis rechamantes polo que iremos vendo a cada paso. Mina Piquito é un xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60, igual que ocorreu coas minas de Cerdido. Polo seu estado de conservación e polos fenómenos que se observan nas súas galerías é, probablemente, un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a mina.
Por cuestións de seguridade, nesta xeorruta só poderán participar maiores de 11 anos. A entrada farase en dúas quendas, unha ás 16:30h e outra ás 18:40h. A reserva hai que facela escollendo un dos dous horarios. Máis info e reservas aquí.