Friday 22 de November de 2024

O goberno local propón destinar 631.000 euros á mellora de varias infraestruturas no municipio


· Este importe empregarase na mellora nos parques de Vixoi e Cortiñán, mellóraa da área recreativa da Senra, a ampliación da rede de pluviais dos viais do polígono Industrial de Bergondo, a rehabilitación enerxética e outras actuacións nas escolas unitarias infantís de Carrio, Lubre, Silvoso e Vixoi e na mellora ambiental da zona verde do PI de Bergondo.

O Concello de Bergondo celebrará o vindeiro xoves 28 de xullo o pleno ordinario no que o goberno local propoñerá destinar 631.000 euros á mellora de infraestruturas deportivas, medio ambientais, educativas e infantís e tamén a investimentos no servizo de saneamento. O goberno local propón unha modificación de crédito por un importe de 631.053 euros; na modalidade de suplemento de crédito. Este importe que se propón destinar a melloras en diferentes servizos e infraestruturas municipais provén do Remanente Líquido de Tesourería, que tras esta modificación dispoñería aínda de 1.763.680,00 euros.

En concreto, este suplemento de crédito permitirá abordar a mellora nos parques de Vixoi e Cortiñán, dentro do Plan de adaptación e mellora dos parques infantís, xa é necesario adaptar estes dous espazos á normativa, así como ás necesidades existentes actualmente. Ademais, levará a cabo mellóraa da área recreativa da Senra, incluída no Plan Complementario do POS+ 2022.

Destacan tamén a actuación na rede de pluviais dos viais do polígono Industrial de Bergondo que incidirá na mellora do vial de Lubre. Segundo o goberno local, trátase dunha actuación moi necesaria para solucionar os problemas existentes de inundacións nas épocas de choiva. Actualmente o municipio está a esperar por unha subvención solicitada de parques empresariais, pero dada a urxencia trátase de dotar de orzamento esta actuación.

Doutra banda, levará a cabo a rehabilitación enerxética e outras actuacións nas escolas unitarias infantís de Carrio, Lubre, Silvoso e Vixoi. Está previsto que o proxecto se convenie coa Deputación da Coruña, polo que se inclúen a parte dos recursos propios necesarios para acometela.

E, por último, estes fondos permitirán a mellora ambiental da zona verde do Polígono Industrial de Bergondo. O Concello asegura que xa está solicitada unha subvención á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que é necesario consignar a parte de recursos propios necesarios para levar a cabo a actuación. O proxecto contempla a execución da obra e a sensibilización do mesmo, así como para a dirección de obra.

Doutra banda, o pleno abordará a proposta de cambio do topónimo denominación “Custa Santa Marta”, para que sexa normalizada lingüisticamente conforme á lexislación vixente e pase a denominarse COSTA DE SANTA MARTA, como consta no nomenclátor das entidades da provincia da Coruña da Xunta de Galicia.

Ademais, a sesión ordinaria abordará a prórroga dun ano do contrato de concesión do servizo da Escola Infantil tal e como estaba previsto no prego de cláusulas administrativas particulares que rexe esta contratación.

Noutra orde de asuntos, o goberno local propoñerá ao pleno a adhesión ao Plan de Prevención de Medidas Antifraude da Deputación da Coruña. O obxectivo é dispoñer dun Plan de medidas antifraude permitan garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes utilizáronse de conformidade coas normas aplicables, e disponse, por tanto, de medidas
concretas para a prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses(…)”.