Monday 25 de November de 2024

O 90% da roupa usada que se recolle no noso concello ten unha segunda vida a través da reutilización e a reciclaxe


Humana recuperou no primeiro semestre máis de 37 toneladas, e evitou a emisión de 226 toneladas de CO2

A recollida selectiva e a xestión do residuo téxtil permitiron recuperar no primeiro semestre do ano no noso concello máis de 37 toneladas, o equivalente a 150.000 pezas. O 90% das prendas verán alongado o seu ciclo de vida grazas á reutilización e a reciclaxe, dous elementos básicos para a economía circular e a creación e mantemento de emprego verde por parte da Fundación Humana. Ademais, esta xestión do residuo téxtil evitou a emisión de 226 toneladas de CO2.

A entidade sen fin de lucro recuperou 37.034 kg de xaneiro a xuño, por 36.214 no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 2,3%. O residuo téxtil (roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar) deposítase nos contedores instalados en espazos de fácil acceso e que se baleiran periodicamente para garantir un bo servizo.

As 150.000 pezas recuperadas foron almacenadas inicialmente na planta de transferencia que Humana ten en Santiago e posteriormente clasificáronse na planta de preparación para a reutilización que ten en Leganés (Madrid). “O primeiro obxectivo sempre é a reutilización, porque o artigo máis sostible é o que xa se fabricou e non ten máis custos nin impactos de produción; despois, a reciclaxe; por último, cando non queda máis remedio, a valorización enerxética ou o seu envío á entulleira”, afirma Rafael Mais, director de Proxectos e Relacións Externas de Humana.

Agradecemos enormemente as doazóns da cidadanía”, engade Rafael Mais, “con todo, aínda queda moito camiño por percorrer, porque cada cidadán desbota anualmente de entre 20 e 30 kg de téxtil, pero nos municipios con recollida selectiva non se alcanzan o 5 kg de media”. Dito doutro xeito: en España xérase anualmente máis dun millón de toneladas de residuos téxtiles; desgraciadamente, só se recolle algo máis dun 10%. O resto tírase noutras fraccións e acaba finalmente nun vertedoiro. Son cifras inasumibles que a lexislación trata de mitigar.

O destino das pezas tratadas é:
• Un 59% destínase a reutilización: o 17% a través das tendas de moda sostible de Humana e o 42% expórtase a África principalmente para ser comercializado, facer accesible a vestimenta en países menos desenvolvidos e xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
• Un 32% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos (mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción)
• Un 2% son residuos impropios reciclables (plástico, cartón, outros) que se pon en mans de xestores autorizados.
• Un 1% son residuos que se destinan a valorización enerxética.
• Un 6% non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar enerxeticamente e envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.