As actuacións son realizadas polo alumnado da especialidade de Pintura industrial en construción
A especialidade de Pintura industrial en construción do obradoiro de emprego A Laracha VII está a renovar o exterior do edificio do antigo matadoiro municipal, hoxe reconvertido nun almacén que está a disposición do Concello.
Os traballos principiaron coa limpeza integral das fachadas do inmoble e o selado das fisuras e gretas que presentaba. A continuación, na fase actualmente en execución estase aplicando a pintura, predominando a cor branca nas paredes exteriores combinada cun ton azul diferenciando as columnas. Tamén se realizan as oportunas reparacións dos portais e as reixas das ventás.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron ao lugar das actuacións, onde mantiveron unha reunión coa directora, o mestre da especialidade e o alumnado traballador para interesarse polo desenvolvemento das intervencións.
Esta será a última actuación que realizará a especialidade de Pintura industrial en construción do Obradoiro de Emprego A Laracha VII antes de que o xoves 28 de xullo conclúa o programa impulsado polo Concello e a Xunta de Galicia. Antes desa data, os alumnos, como complemento a unha das unidades formativas, tamén realizarán unha visita formativa a unha empresa especializada na fabricación e venta de mobiliario de metacrilato, latón, aceiro e ferro, pois unha das ocupacións para as que habilita o certificado de profesionalidade é a de pintor de estruturas metálicas.
O obradoiro de emprego A Laracha VII conta con dúas especialidades e dez alumnos traballadores en cada unha delas. A de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais rematará nesta semana as prácticas nos centros residenciais da Laracha, Arteixo e A Coruña, onde están a adquirir novos coñecementos e ampliar as súas competencias profesionais.