— Anxo M. Lorenzo avanza que se traballa na posta en marcha de encontros abertos ao público con especialistas internacionais expertos na obra do artista malagueño
— Tamén se programará un ciclo de cinema, haberá actividades musicais e educativas con obradoiros e visitas guiadas á mostra do Museo de Belas Artes da Coruña
— O deseño da exposición continúa avanzando en colaboración con centros expositivos, institucións e coleccións de particulares de distintas partes do mundo coa intención de contar con máis dun cento de pezas
— “A homenaxe de Galicia a Picasso abordará distintas disciplinas para achegar a súa obra a todos os públicos desde diferentes perspectivas e tamén afondaremos na súa relación coa nosa terra”, explica o representante da Consellería de Cultura
A Xunta de Galicia continúa a avanzar nos preparativos do Ano Picasso con propostas académicas, audiovisuais e musicais que se sumarán á gran exposición Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023 sobre a pegada galega do autor. Así o informou hoxe en Madrid o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, no Comité de Cooperación Interinstitucional do Ano Picasso, o órgano de apoio deste acontecemento que está a trazar a folla de ruta da efeméride.
Na reunión explicou os pasos que está dando Galicia para as conmemoracións do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso que teñen como eixo central a exposición na que se continúa avanzando tras pechar colaboracións con centros expositivos, institucións e coleccións de particulares de distintas partes do mundo. Prevese poder contar con máis dun cento de pezas que se exporán no Museo de Belas Artes da Coruña en 2023.
“A homenaxe de Galicia a Picasso abordará distintas disciplinas para achegar a súa obra a todos os públicos”, expresa o representante da Consellería de Cultura, quen tamén recorda que se afondará na súa relación coa Comunidade galega. Por eso, sobre a exposición se está a artellar un intenso programa de actividades paralelas, das que tamén informou na reunión. En concreto, trabállase na posta en marcha de encontros, conferencias e charlas abertas ao público que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia. Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais e educativas, dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral que incluirán visitas guiadas e obradoiros de pintura.
Os avances na programación son parellos aos da propia exposición, na que o Goberno autonómico traballa coa colaboración de distintos museos, institucións e coleccionistas privados. Recentemente acordouse coa Junta de Andalucía o préstamo da peza Instruments et musique et compotier sur une table, na que o artista malagueño retrata un gaiteiro. É propiedade da fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga.
Como expresou, a intención é a de divulgar a etapa galega de Picasso, quizáis unha das máis descoñecidas, do xeito máis completo posible. Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023 poderá verse no Museo de Belas Artes da Coruña e enmárcanse nos actos que se celebrarán en 2023 con motivo do 50 aniversario da morte de Picasso dentro do Anniversaire Picasso 2023, que conmemorarán conxuntamente España e Francia nos seus museos e cidades picassianas. Este novo proxecto expositivo estará comisariado por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira e conta coa coordinación xeral de Ángeles Penas, diretora do Museo de Belas Artes da Coruña, e coa participación do equipo técnico-facultativo do museo.