Friday 22 de November de 2024

Rueda salienta que a Xunta está impulsando con 10M€ o desenvolvemento de Centros de Investigación Empresarial para fortalecer o tecido innovador e captar investimentos


— Garante o apoio da Xunta nesta aposta pola innovación de Aluminios Cortizo como referente europeo

— Destaca o labor desta empresa no eido do emprego, a innovación e o compromiso coa investigación

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou esta mañá nunha visita ás instalacións da empresa Aluminios Cortizo que o Goberno galego está impulsando con 10 millóns de euros o desenvolvemento dos Centros de Investigación Empresarial para fortalecer o tecido innovador e captar investimentos.

O titular do Goberno galego salientou que a empresa con sede en Padrón, que está a desenvolver un proxecto “pioneiro e punteiro no sector” coa creación do Campus Tecnolóxico Cortizo, contará co apoio da Xunta nesta nova aposta pola innovación dunha firma referente no mercado do aluminio en toda Europa.

Rueda destacou o papel de Aluminios Cortizo, que tras medio século de vida conta con 3.600 empregados, a metade en Galicia, e nove centros de produción distribuídos en 60 países, o que a converte nunha empresa de referencia.

Durante a súa intervención, Rueda salientou o seu “pulo innovador e o compromiso coa investigación” e celebrou que a compañía padronesa aspire a ser un referente no I+D+i e poña en marcha o Campus Tecnolóxico Cortizo, que será un centro punteiro orientado á adquisición de novos coñecementos na produción de aluminio.

Para levar a cabo esta iniciativa, a empresa conta cun orzamento de 40 millóns de euros, o que permitirá aumentar nun 30% a súa superficie actual e xerar 300 postos de traballo de alta cualificación e 100 indirectos. Alfonso Rueda afirmou que se trata dun “proxecto único no sector”, polo que se lle prestara todo o apoio necesario. De feito, declarouse Iniciativa Empresarial Prioritaria, o que permite a axilización do expediente administrativo e a redución á metade dos prazos. A maiores, aprobouse o Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal e colaborouse para solicitar ao Ministerio de Facenda unha Axuda de Incentivos Rexionais.

Iniciativas en apoio á innovación
O presidente da Xunta recoñeceu a importancia da investigación na esfera privada, xa que supón “unha porta aberta a un futuro competitivo”. Por esta mesma razón, a Xunta mantén ata o vindeiro 5 de agosto o prazo para solicitar axudas para os Centros de Investigación Empresarial, un programa pioneiro que persegue aumentar o tecido innovador e atraer investimento. Seguindo esta liña, darase continuidade a outras medidas implantadas na mesma dirección, como a iniciativa Fábrica Intelixente e as Unidades Mixtas de Investigación, coas que se aspira a apoiar 70 proxectos con 120 millóns en axudas para mobilizar 400 millóns en investimentos.

Alfonso Rueda concretou que a Xunta quere ser aliada de quen xera riqueza e emprego e estará ao carón daquelas empresas que busquen asegurar o seu futuro, como por exemplo, aproveitando a potente industria de aluminio coa que conta Galicia.