O Concello de Narón, xunto cos de A Capela, As Pontes, Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Monfero, Neda e Pontedeume, convoca unha concentración para a xornada de mañá mércores, ás 20.30 horas, que se celebrará de xeito simultáneo diante dos respectivos Concellos. No acto, tal e como se avanzou, procederase a ler un manifesto.
A través desta concentración instarase á Xunta a atender as reivindicacións das usuarias e usuarios deste servizo, que acumula unha serie de deficiencias, como a supresión de rutas e frecuencias, incumprimento e supresión de horarios, carencia de reforzos nas paradas con máis demanda, etc.
Dende o Concello de Narón a concelleira de Transporte Público, Mar Gómez, realizou un chamamento á cidadanía en xeral para que se sume a esta concentración e urxir as melloras que require o servizo para atender ás necesidades das usuarias e usuarios de cada localidade.