A Asociación AGA-Ucraína participa con obras enviadas por artistas ucraínos non desprazados co obxectivo de recadar fondos para axuda humanitaria
Os Xardíns de Méndez Núñez volven ser o escenario da XX Feira das Artes Plásticas da Coruña, un evento que se leva realizando ininterrompidamente dende o ano 2001 —coa excepción do 2020 por mor da pandemia—.
Esta é unha das feiras de referencia en Galicia, non só pola calidade e variedade das súas obras, senón pola súa situación ao aire libre. A feira rematará o vindeiro domingo 24 de xullo, con dúas demostracións sobre técnica mixta e acuarela.
Este ano son varios os e as artistas que participan, achegando as súas propias coleccións de obras con diferentes técnicas, estilos e diversidade temática. Ademais da exposición de obras artísticas, a Feira de Artes Plásticas ten como obxectivo fomentar a práctica da arte entre o público, realizando diversos obradoiros impartidos polos/as mesmos/as artistas que participan na exposición. Deste xeito, o Concello da Coruña mantén o apoio ao sector artístico e a aposta pola divulgación cultural, colaborando na organización de obradoiros gratuítos abertos ao público xeral e avanzando no compromiso do Goberno de Inés Rey de converter A Coruña nunha cidade de referencia na cultura.
Como novidade, este ano tamén estará presente a obra de artistas ucraínos, grazas á Asociación AGA-Ucraína. A entidade participa coa colocación dun posto solidario baixo o título “El Arte de los Valientes” onde presentan obras de artistas ucraínos/as non desprazados/as e enviadas a Galicia co obxectivo de recadar fondos destinados á compra de ambulancias e axuda humanitaria.
As e os artistas que participan na XX edición son Ángeles Jorreto, Manuel Gandullo, Pedro Bueno, Marisa Míguez, Maica Alonso, Pilar Fandiño, Vanessa Lodeiro, Novais, Manuel Grela, Charo Blanco, Jimi Burque, Sofia Cabrera, Rosa Guisán, Alfonso López Hidalgo e Pedro Castro.
Programación da feira
Esta mesma tarde está prevista unha charla sobre creatividade e psicoloxía a cargo do artista Jimmy Burque, que participa coa súa exposición “Paisajes desde el paseo marítimo de A Coruña”. Esta será ás 19.00 h no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, con entrada libre ata completar a capacidade. Ata o vindeiro 24 de xullo as actividades previstas son:
● Mércores 20.
○ Iniciación ao colaxe, a cargo de Sofía Cabrera. Ás 12.30 h no Palco da Música.
○ Titorial de acuarela, a cargo de Manuel Gandullo. Ás 12.30 h na Caseta.
○ Demostración de técnica de espátula, a cargo de Pilar Fandiño. Ás 18.30 h na Caseta.
○ Obradoiro de acuarela, a cargo de Novais. Ás 18.30 h no Palco da Música.
● Xoves 21.
○ Iniciación ao Graffiti, a cargo de Rosa Guisán. Ás 12.30 h na Caseta.
○ Demostración de espatulado, a cargo de Sofía Cabrera. Ás 18.30 h na Caseta.
○ Obradoiro de collage, a cargo de Novais. Ás 18.30 h na Caseta.
● Venres 22.
○ Demostración de acuarela, a cargo de Pedro Bueno. Ás 12.30 h na Caseta.
○ Obradoiro de carbonciño para nenos, a cargo de Vanessa Lodeiro. Ás 18.30 h na Caseta.
● Sábado 23.
○ Obradoiro de estampación, a cargo de Rosa Guisan. Ás 12.30 h na Caseta.
○ Obradoiro de pintura con spray, a cargo de Manuel Grela. Ás 12.30 h na
Caseta.
○ Obradoiro de iniciación á acuarela, con Charo Blanco. Ás 18.30 h na Caseta.
● Domingo 24.
○ Demostración de técnica mixta, a cargo de Maica Alonso. Ás 12.30 h na Caseta.
○ Demostración de acuarela, a cargo de Charo Blanco. Ás 18.30 h na Caseta