Friday 22 de November de 2024

O presidente da Xunta presidiu o acto inaugural do IV Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar


O Goberno autonómico leva a cabo unha estratexia de atención temperá tanto nos rapaces como súas familias

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a importancia da aposta do Goberno autonómico pola atención temperá, isto é, por estimular aos nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos durante os seus primeiros seis anos de idade. “É de vital importancia para que estes rapaces poidan acadar o seu máximo nivel de desenvolvemento persoal e de integración social”, reivindicou.

No acto inaugural do IV Congreso Internacional de Atención Temperá e Educación Familiar, Feijóo quixo agradecer o traballo que se vén realizando desde a Universidade en Galicia, que “exerceu como unha auténtica vangarda intelectual e científica en canto á investigación sobre a atención temperá”. Salientou especialmente o traballo da Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago de Compostela, cuxa directora foi premiada no 2013 pola Federación Española de Enfermidades Raras.

“A investigación é o primeiro paso necesario para a implantación de calquera política social innovadora e exitosa —indicou o presidente—, o segundo paso require dunha Administración pública comprometida, como o foi a Xunta”. O Goberno autonómico leva a cabo unha estratexia de atención temperá centrada nos nenos e nas súas familias, que “se están enfrontando a unha situación que para eles é nova e difícil”.

Despois a aprobación do Decreto de Atención Temperá, en decembro de 2013, creouse o Consello Autonómico de Atención Temperá, un organismo transversal que inclúe profesionais de Sanidade, Educación e Benestar. Este ente implantou unha estratexia que xa está en pleno funcionamento e se articula en tres eixos: o Protocolo de Coordinación, a Axenda que recolle as liñas nas que se traballará ata o 2017 e a formación dos profesionais de atención temperá, que arrancará o día 24 deste mes e que conta xa con 300 solicitudes de inscrición.

Política social adaptada a cada usuario
O presidente Feijóo subliñou que a política social da Xunta non é “ríxida e monolítica” senón “un sistema flexible e adaptado ao caso particular de cada galega e cada galego”. Puxo como exemplo as catro carteiras de servizos sociais (a das persoas en situación de dependencia; a das persoas con autonomía; a da familia, infancia e adolescencia e a da inclusión social), “un auténtico traxe social a medida”.

Por último, explicou que este sistema se ten trasladado á atención temperá mediante a apertura de tres Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar comarcais: en Lalín e Vilagarcía (que atenden anualmente a 250 familias desde 2009) e a que se abriu o ano pasado na comarca de Bergantiños. O orzamento da rede galega de atención temperá, ademais, aumentará en cinco millóns ao longo dos próximos cinco anos.

“Todos os nenos nesta situación e todas as súas familias saben que teñen moitas mans que os axudan a superar os impedimentos. Congresos como este axudan a que, cada vez, sexan máis mans as tenden a estes rapaces”, concluíu o presidente.