Friday 22 de November de 2024

A rapazada de Moeche aproba o segundo Plan da Infancia e a Adolescencia


O municipio someterase a finais deste ano á avaliación de UNICEF para revalidar a súa distinción como “Concello Amigo da Infancia”

O Consello Local da Infancia e Adolescencia reuniuse o pasado xoves na Casa do Concello para aprobar o II Plan da Infancia e Adolescencia do Concello de Moeche, que rexerá a acción municipal neste ámbito durante os próximos catro anos. O documento que recolle un completo abano de propostas, moitas delas xa en marcha e outras para desenvolver no período 2022-2026. Trátase dunha folla de ruta elaborado polas 20 rapazas e rapaces que hoxe forman parte GPIA-, pero tamén por aquelas e aqueles que participaron deste órgano consultivo nos últimos anos e que agora non poden facelo por ter superado a maioría de idade.

O GPIA é, por así dicilo, o grupo executivo do Consello Local da Infancia e a Adolescencia, máxima institución de representación da rapazada nos asuntos municipais e principal referente do Concello para levar a cabo a maioría das actuacións que lles afectan como colectivo.

O grupo reúnese todos os meses para desenvolver actividades e debater e votar as súas propostas para a dinamización do territorio. Nas últimas xuntanzas boa parte do traballo centrouse no deseño das liñas estratéxicas recollidas no segundo Plan da Infancia e a Adolescencia, que veu precedido dunha análise dos obxectivos cumpridos -e das cuestións pendentes- recollidos no primeiro plan.

Desde o consistorio destácase que o documento aprobado o pasado xoves “é resultado directo do traballo da rapazada” contando no labor de definición dos obxectivos e redacción do documento coa colaboración do persoal técnico e político do Concello, dos membros do CLIA, do profesorado e alumnado do CEIP San Ramón e de entidades asociativas como a A .VV, Val de Moeche, A.VV. Labacengos, A.C .Irmandiños, A.D.C.R. Moeche, ANPA do CEIP San Ramón, Escudería Moeche.

“Temos que recoñecerlles ás entidades e ás persoas que participaron na súa representación todo o apoio que lle viñeron prestando ás nenas e nenos tanto na redacción deste segundo plan como en todo o traballo que leva feito o Consello Local da Infancia e a Adolescencia nos últimos anos”, agradeceu a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

No ano 2018 Moeche foi dos primeiros concellos galegos que acadaron o recoñecemento de “Concello Amigo da Infancia” de UNICEF. Este nomeamento ten unha vixencia de 4 anos e debe ser revalidado, polo tanto, a finais do 2022.

Para superar unha nova verificación internacional do compromiso de Moeche coa participación infantil na cousa pública será fundamental o contido do II Plan de Infancia a Adolescencia, así como a avaliación do que estivo en vigor ata o momento.

Ademais da súa constancia desde hai catro anos, no haber do órgano de participación cóntanse, entre outras, propostas de mellora no colexio -novos xogos, elección da decoración exterior, estudo de radio, etc.-; as recomendacións sobre a redistribución de marquesiñas; a incorporación de actividades específicas para elas e eles na programación de Cultura; a súa contribución ao plan de sostenibilidade municipal para cumprir cos ODS da ONU -sobre todo no tocante a igualdade e ambiente- ou o deseño, posta en funcionamento e coordinación do circuíto de educación viaria de San Ramón.

Nestes catro últimos anos Tamen houbo tempo para participar e intercambiar experiencias en encontros de consellos locais da infancia e adolescencia en Castrelo de Miño, Carnota, no Parlamento Galego ou, nos momentos máis duros da pandemia, por vía telemática.

Con estes antecedentes, Moeche preséntase á reválida da UNICEF confiando en superar o exame e en facelo con nota. “A nosa mocidade e rapazada está comprometida coa participación porque ven que a maior parte das propostas que fan, as que son realizables e asumibles cos recursos dos que dispoñemos, van adiante. Traballan e levan traballado moito, incluso en pandemia, para facer cousas e para implicarse de maneira moi activa na toma de decisións que lles afectan directamente e noutras que redundan en melloras para todo o territorio. Estes últimos catro anos demostraron que elas e eles son unha peza clave para a xestión do Concello”, asegura Bascoy.