O proxecto ten un orzamento base de licitación de 477.104,21 € e o prazo de execución será de 17 semanas
O Concello de Cabanas vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado a licitación do proxecto “Mellora da accesibilidade e dos servizos urbanos na estrada N.651 (marxe dereito sentido Ferrol), entre os pks 20+940 e 21+460, en Cabanas”, cun orzamento base de licitación de 477.104,21 € e un prazo de execución de 17 semanas.
As obras servirán para mellorar boa parte da marxe dereita da Avenida do Areal (N651 sentido Ferrol) incluíndo, entre outras, a mellora da accesibilidade, o cambio das luminarias actuais por iluminación LED, o incremento do número de pasos de peóns e a substitución das canalizacións de subministración de auga e rede de saneamento.
Desde o goberno municipal avaliouse positivamente este proxecto, que considera “fundamental e de gran interese público”, xa que se trata dunha zona comercial que na actualidade carece de beirarrúas adaptadas a persoas con mobilidade reducida e non dispón de pasos de peóns que permitan garantir a seguridade das persoas viandantes.
Ademais, desde o goberno local de Cabanas destácase do proxecto a substitución da rede de subministro de auga (a actual é de fibrocemento) e as novas canalizacións de saneamento, dado que as actuais acusan un importante desgaste, o que provoca roturas e filtracións.
O orzamento base de licitación é de 477.104,21 €, e será financiado polo Concello de Cabanas e pola Deputación da Coruña, que aporta 180.000 € a través dun convenio de colaboración. Polo seu importe, a licitación destas actuacións foi aprobada polo pleno municipal, onde contou cos votos favorábeis dos grupos de goberno (PSOE, BNG e AEC) e a abstención dos grupos da oposición (PP, Marea de Cabanas).
O prazo de presentación de ofertas rematará o próximo 8 de agosto de 2022 ás 23.59 horas.