Tamén se inicia o procedemento de contratación do persoal de limpeza de praias e o seu entorno.
Mañá martes rematará o prazo de presentación de solicitudes para participar no procedemento de selección do persoal que o Concello da Laracha pretende contratar para formar as brigadas municipais de prevención, vixilancia e defensa contra incendios. As bases da convocatoria poden consultarse na web www.alaracha.gal.
Cada unha das dúas cuadrillas estaría formada por un xefe de brigada, un peón-condutor e tres peóns de brigada, polo que en total a oferta de emprego e de dez prazas.
En todos os casos a os contratos son a xornada completa e cunha duración de tres meses. A retribución mensual dos xefes de brigada é de 1.183,26 euros, e tanto a dos peóns de brigada como a dos peóns condutores é de 1.108,33 euros
O sistema selectivo será o concurso oposición libre. A fase de concurso consistirá na valoración da experiencia profesional e a formación de cada aspirante. A fase de oposición consta dun exercicio de aptitudes físicas, un exame práctico e, de ser o caso, a proba de coñecemento da lingua galega se non se acredita o seu coñecemento.
Persoal limpeza de praias e o seu entorno
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe os anuncios e as bases das convocatorias de selección de persoal para a limpeza de praias e os espazos medioambientais do seu entorno. A oferta é para contratar dous capataces e catro peóns, e o prazo de inscrición é de cinco días hábiles a contar desde mañá. En todos os casos os contratos serán a tempo parcial (30 horas semanais) e cunha duración de tres meses.
No proceso selectivo, na fase de concurso teranse en conta a experiencia profesional, a formación relacionada coa función a desempeñar e o coñecemento do idioma galego. A fase de oposición consistirá nunha proba práctica.