Friday 22 de November de 2024

O alumeado público do Paseo Marítimo de Caión foi obxecto dun acto vandálico na noite do sábado


A Policía Local investiga os feitos e solicita a colaboración cidadá.

A Policía Local da Laracha investiga o acto vandálico que se produciu na noite do pasado sábado no paseo marítimo de Caión e solicita a colaboración cidadá para tratar de dar coa persoa ou persoas responsables do sucedido.

Os feitos producíronse durante a fin de semana da celebración do Corpus e o Carme no paseo marítimo da vila. No tramo entre a praza Eduardo Vila Fano e o acceso á praia, foron destrozadas nove balizas do alumeado público. Estímase que a instalación doutras novas suporá un desembolso de 4.000 euros para as arcas municipais.

O Concello lamenta profundamente o sucedido e mostra a súa preocupación pola sucesión de actos vandálicos que se están a rexistrar en Caión durante os últimos meses e que provocaron danos importantes no mobiliario público e equipamentos municipais. Na pasada primavera foran queimados dous contedores de lixo e roubados varios amarres de colectores.