Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia ofrecerá unha mostra da realidade turístico-cultural da nosa comunidade na Exposición Universal de Milán


A directora de Turismo de Galicia presentou esta mañá o programa de actividades da Semana de Galicia na Expo Milán 2015 que terá lugar dende o próximo luns 14 ao domingo 20 de setembro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá o programa de actividades da Semana de Galicia na Exposición Universal Milán 2015 que terá lugar dende o próximo luns 14 ao domingo 20 de setembro.

A Expo Universal de Milán, que abriu a súas portas o pasado mes de maio baixo o lema “Alimentar el planeta, Energía para la vida”, está a reunir a preto de 150 países e organismos internacionais e a atraer a mais de 20 millóns de visitantes que buscan participar nunha experiencia única de ocio educativo.

Turismo de Galicia estará presente neste encontro universal cun completo programa de actividades a celebrar durante a Semana de Galicia co obxecto de ofrecer unha mostra da realidade turístico-cultural da nosa comunidade.

A directora de Turismo de Galicia explicou que o programa incluirá numerosas actividades de danza, animación, showcookings e catas que levarán o folclore, a música tradicional e a cultura galega ata a cidade italiana.

Así, entre outras accións, a Semana de Galicia acollerá dúas actuacións do grupo Nova Galega Danza que mostrarán o folclore e a identidade galega a través do seu espectáculo “Tradición”, unha fusión de música tradicional galega e baile contemporáneo; e as actuacións dos actores do grupo teatral Mofa e Befa que divertirán ao público mentres o seu acceso ao Pavillón con divertidos sketches e invitando a visitar o espazo dedicado á Comunidade Galega.

Nava Castro sinalou que outros dos grandes atractivos da participación de Galicia nesta Expo Universal, será un espazo dedicado á Artesanía de Galicia. “Alí, mostraremos unha Galicia viva, a través de tres historias unidas polo mar como medio de vida e de traballo das mesmas”, destacou. A través deste espazo, Turismo de Galicia dará visibilidade a tres colectivos de mulleres que veñen desempeñando traballos artesanais ao longo do tempo: as “Redeiras”, as “Nudeiras” e as “Colareiras”.

Por outra parte, a Semana de Galicia contará cunha serie de actividades privadas centradas na principal temática desta edición da Expo e unha das grandes fortalezas da nosa comunidade. Así, a gastronomía galega cobrará tamén especial importancia neste programa, coa celebración de seis showcookings que darán a coñecer a diversidade e boa calidade da actual cociña galega e seis catas baseadas nas distintas denominacións de orixe galegas.

Ademais, invitarase a diversos colectivos que teñan especial interese para a promoción da nosa Comunidade a dous talleres: un taller de cunchas mariñas, no cal unha artesá galega ensinará aos participantes a facer colares de cunchas; e un taller de danza, onde os bailaríns de Nova Galega de Danza ofrecerán una clase maxistral.

“Con todo, a participación nesta Expo Universal será un dos grandes piares da promoción internacional de Galicia neste ano 2015 e contribuirá a continuar co crecemento rexistrado polo turismo italiano”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.

Incremento do turismo italiano
Galicia recibiu o pasado ano 115 mil viaxeiros procedentes de Italia, incrementándose a cifra de turistas italianos nun 29% en relación ao dato do ano anterior.

O mercado italiano supuxo o 9,3% do total da demanda turística internacional de Galicia e consolidouse como o cuarto mercado estranxeiro da nosa comunidade, só por detrás de Portugal, Alemaña e Francia.

E neste ano 2015 estas cifras continúan crecendo xa que, nos primeiros sete meses deste ano, Galicia rexistrou un incremento de turistas procedentes de Italia do 22,3% en relación ao mesmo período do pasado ano. Este crecemento fai que, neste ano Italia constitúe xa o terceiro mercado en orde de importancia, só por detrás de Portugal e Alemaña.

Así mesmo, tamén é destacable o espectacular incremento de peregrinos italianos que chegaron a Compostela. O pasado ano, Italia converteuse no primeiro país estranxeiro do que procederon máis peregrinos, superando a cifra dos 20 mil, case un 30% máis que o ano anterior.