Friday 22 de November de 2024

O Concello asina catro novos convenios con Banco de Alimentos, Fundación Down, Aspanaes e o Colexio de Avogados de Santiago por un importe total de 20.000 euros


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais Mila Castro, asinou esta mañá catro novos convenios por un valor total de 20.000 euros. Os acordos subscritos hoxe foron coa Asociación Banco de Alimentos, a Fundación Down Compostela, Aspanaes e o Colexio de Avogados de Santiago, que se suman aos outros 14 convenios asinados nas pasadas semanas con outras entidades sociais locais por un importe total de 427.500 euros.

O convenio de maior contía foi o asinado coa Fundación Down Compostela e o seu presidente Juan Jesús Martínez López, cunha achega total de 10.000 euros para o desenvolvemento do proxecto de vida independente “Esto é Vida”, que pretende capacitar ás persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, planificar o seu futuro e a realizar os seus proxectos de vida. As persoas usuarias poden beneficiarse de estancias curtas na vivenda que a Fundación ten no barrio das Fontiñas, nas que o grupo é o encargado, seguindo sempre as directrices marcadas polo persoal profesional, de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e a participación activa dentro do fogar e na contorna comunitaria.

O Concello tamén asinou un convenio por valor de 5.000 euros coa Asociación Banco de Alimentos de Santiago para apoiar o programa de entrega de lotes de comida a todas aquelas entidades benéficas sen ánimo de lucro que o soliciten e que cumpran os requisitos de gratuidade para o seu posterior reparto ás familias que o precisen. Á sinatura asistiu o presidente da entidade, José Pinta Chento.

A Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) da provincia da Coruña (ASPANAES), a través do seu presidente Ignacio Labella Lozano, foi outra das entidades asinantes no día de hoxe. A achega de 3.000 euros do Concello contribuirá ao mantemento dun servizo de información, valoración e apoio que ten como finalidade acompañar ás familias de persoas con Trastornos de Espectro Autista (TEA) no seu proxecto de vida, atendendo as súas necesidades e demandas e facilitando os apoios necesarios para mellorar a súa calidade de vida e o benestar de cada un dos seus membros.

Finalmente, o alcalde asinou un convenio co Colexio de Avogados de Santiago, por un importe de 2.000 euros. Con este acordo continúase a apoiar o servizo de quenda de letrados/as especializados/as en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico a aquelas persoas sen recursos que precisen interpoñer recursos administrativos previos á xurisdición contencioso-administrativa ou laboral. Á sinatura acudiu o decano da entidade, Francisco José Rabuñal Mosquera.