Monday 25 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño investirá 18.000 euros no cambio a led da iluminación de Riboira


Aos prezos aos que está a electricidade, os concellos teñen como prioridade reducir todo o que se poida o consumo para compensar a factura que vén todos os meses. En San Sadurniño xa se leva varios anos mudando os antigos farois laranxas polos que usan a teconoloxía de ledes, máis caros de instalar -aínda que cada vez menos-, pero moito máis duradeiros, aforradores e cunha mellor calidade lumínica. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño ten aberto o procedemento de contrato menor para contratar o proxecto de substitución do sistema de iluminación que bordea a estrada de Ortigueira ao seu paso por Riboira, en Lamas, co que se agarda reducir o seu consumo en case un 64%. O investimento está cuantificado en algo máis de 18.000 euros, ive incluído, que se financiarán con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

Neste momento a liña que percorre o núcleo de Riboira até despois do apeadeiro de FEVE está formada por 28 farois unha potencia medida -conxunta- de 6,09 kW. Funcionan arredor de 4.300 horas ao ano, de modo que o consumo se sitúa en cerca de 26.300 kWh anuais, o que veñen sendo uns 7.700 euros de custe en electricidade, segundo os prezos de principios de febreiro, intre no que se fixo o estudo.

O que se propón no proxecto é manter o mesmo número de puntos, pero modificando as potencias instaladas para que haxa máis luz no núcleo principal de Riboira. Por iso van colocarse 7 farois de 50 w, 3 de 160 w e 18 de 80w, o que nos dá en conxunto unha potencia medida de 2,27 kW e 9.534 kWh de consumo anual.

A calidade lumínica será moito mellor que coas bombillas actuais, tanto pola cor branca da luz como pola súa difusión máis equilibrada e sen apenas emisión á atmosfera (menor contaminación lumínica). Ademais tamén haberá un aforro considerable. As previsións son que o consumo baixe un 63,74%, pasando deses 7.700 euros/ano a unha factura de algo menos de 2.800€.

Ademais de substituír os farois, o proxecto contempla refacer por completo o cadro de mando e control situado en Riboira co obxectivo -entre outros- de que a rede estea protexida contra sobretensións que poidan danar a delicada circuitería dos ledes.

O investimento está cifrado en 18.149,76€, que se financiarán coas achegas provenientes do Fondo de Compensación Ambiental distribuído pola Xunta entre os municipios onde hai instalados parques eólicos.

O proxecto forma parte do programa que leva varios anos executándose de cara a ir substituíndo pouco a pouco toda a rede de iluminación pública. Un obxectivo cuxo cumprimento cobra agora máis urxencia por causa dos elevados prezos da electricidade e pola necesidade de reducir ao mínimo os custes de mantemento.

Os farois led veñen preparados para durar máis de 50.000 horas, 5 veces máis que un tubo fluorescente, 7 máis que unha lámpada de baixo consumo, 50 veces superior á duración dunha bombilla de incandescencia e 10 máis que as actuais lámpadas de vapor de sodio. Outra das súas vantaxes é que non conteñen substancias altamente contaminantes como o chumbo ou o mercurio e que, ao durar máis, xéranse menos refugallos.