Afirma que o programa supoñerá un investimento total de 30 millóns de euros: 14 millóns de xeito directo, a través das propias adquisicións de materiais, e 16 millóns de xeito indirecto, mediante a contratación de instaladores ou obras complementarias
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Programa Reforma 15, dotado con 3 millóns de euros, renovará os equipamentos de baños e cociñas de 5.000 fogares galegos.
O titular da Xunta fixo fincapé en que o devandito programa, que o Consello desbloqueou esta mañá, permite poñer á disposición dos galegos un paquete de axudas co fin de apoiar ás familias no acondicionamento das súas vivendas e avanzar na eficiencia enerxética das vivendas galegas. Así mesmo, estimula de forma paralela a demanda en sectores vinculados ao da construción, da reforma e da rehabilitación.
Concretamente, o programa incentivará a renovación de todo tipo de equipamentos de cociña e baño, excepto electrodomésticos, incluíndo produtos, como mobiliario das cociñas, materiais de construción ou elementos de fontanería.
Así mesmo, Feijóo incidiu en que o Reforma 15 está dotado con preto de 3 millóns de euros en apoios e supoñerá un investimento total de 30 millóns de euros: 14 millóns de xeito directo, a través das propias adquisicións de materiais, e 16 millóns de xeito indirecto, mediante a contratación de instaladores ou obras complementarias.
As axudas que contempla o programa consisten, por unha banda, en que o Igape financiará ata o 20% da compra realizada polos cidadáns, co límite entre 200 e 1000 euros por persoa e domicilio particular. Por outra banda, a entidade colaboradora realizará un desconto equivalente ao do IGAPE, polo que a rebaixa global achégase ao 40%.
Por tanto, Feijóo apuntou que este programa será importante para os 5.000 fogares galegos beneficiados, así como para a estratexia enerxética, xa que se busca impulsar equipamentos máis eficientes. Do mesmo xeito, engadiu que tamén serán importantes para o sector da construción xa que, de feito, o programa foi deseñado en colaboración co propio sector, representado pola Asociación de Empresarios de materiais de construción de Galicia (Asemaco).
Por outra banda, Feijóo explicou que serán os propios establecementos comerciais adheridos a este programa os que tramitarán telemáticamente as solicitudes e as facturas que acrediten esa compra e a Xunta en poucos días fará ese desembolso do 20% desa compra. Neste senso, indicou que no mes de outubro comezará a funcionar dito proxecto en Galicia.
Segundo explicou o titular da Xunta, este programa compleméntase con outro da Consellería de Economía e Industria que redunda nas reformas nos fogares da comunidade, o Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, o cal, con 5 millóns en apoios, está a xerar investimentos por 13,5 millóns de euros ao longo deste ano.
Como lembrou, con este programa impúlsase o acondicionamento de fiestras, cubertas e fachadas; a renovación de ascensores e a instalación de caldeiras eficientes; e, especificamente no eido rural, a instalación de xeotermia, solar térmica e aerotermia.
A economía galega amosa signos positivos
Con respecto a isto, o presidente indicou que Galicia comeza a ter xa signos positivos neste senso e, de feito, os datos do Índice de Produción Industrial coñecidos hoxe indican que en xullo incrementouse un 10,5%, case o dobre do que se incrementa en España. Ademais, destacou que no que vai de xaneiro a xullo “Galicia está por riba do índice de produción industrial do total do Estado”: Galicia cun 3,7% de crecemento mentres que no total de España un 3 por cento.
Para Feijóo, trátase dun dato esperanzador xa que Galicia comeza a superar a media do Estado e é a cuarta comunidade con mellor comportamento de industria no pasado mes de xullo. Ademais, é un dato esperanzador tamén porque empezamos a superar a media do Estado e porque vai ter incidencia no PIB do segundo semestre.